05 DE MAYO DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
As bicicletas regresaron catro meses despois ao Lago das Pontes. O escenario a principios de ano do Campionato de España de Ciclocrós acolleu o pasado sábado a quinta cita da Copa Galicia de XCO. Dous equipos, o Academia Postal-Maceda e o Cambre, acumularon triunfos nun circuíto espectacular.
O Terras do Eume exerceu de anfitrión para máis de 210 participantes a carón do lago artificial máis grande de Europa. Logo de colleitar cada un dúas vitorias nas anteriores catro xornadas da Copa de Cross Country Olímpico, o dúo elite do Academia Postal-Maceda formado por Iván Feijoo e Saúl López rodou xunto ata o final e sen a compaña de ningún outro biker na carreira raíña masculina. Lucindo a camisola de líder da xeral, Feijoo entrou por diante de López. A estrutura ourensá tamén venceu na categoría júnior por medio de Marcos Rodríguez.
A emoción na proba Elite e Sub-23 disparouse na pugna pola terceira praza absoluta. Tres corredores remataron nunha marxe de 20 segundos. Alberto Pedreira (Bici Verde) completou o podio elite, o gañador sub-23 Antonio Casal (Cambre) fixo cuarto e Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño), quinto. O Cambre anotouse outro primeiro posto na quenda raíña por medio de Xiana Coira, vencedora júnior.
Os triunfos no resto de carreiras do III XCO Vila de As Pontes acadáronos Jimena Novo (Farto) e Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas) en Infantil, Iris Santana (Coruxo) e Guillermo García (Avanza-O Porriño) en Cadete, Yaiza Vila (Creto Bikes) en Sub-23, Carolina Díez (Creto Bikes) e Yago Pico (As Pontes) en Máster-30, Beatriz Vicente (Podium Team) e Marcos Mayo (BTT O Treito) en Máster-40; Antonio Rodríguez (Ourense Termal) en Máster-50 e Óscar Lorenzo (Bici Verde) nos máster-60. A clasificación por equipos comandouna o Cambre.
Un cambio de líder
O grupo de idade máster-60 rexistra o único cambio de líder nos rankings da xeral. A camisola da Copa pertence agora a Óscar Lorenzo. As outras categorías seguen tendo á fronte a Lara Fernández (Cambre) e Mateo Hermida en Infantil, a Iris Santana e Arón Gómez (Coruxo) en Cadete, a Elba Hermida (Lynalfa-Ponteareas) e Marcos Rodríguez en Júnior, a Yaiza Vila e Martín Díaz (XSM) en Sub-23, a Iván Feijoo e Lara Lois (RG Bikes) en Elite, a Carolina Díez e Manuel Parada (Xesteiras) en Máster-30, a Beatriz Vicente e Marcos López (Xesteiras) en Máster-40, e a Antonio Rodríguez en Máster-50.
O sexto dos dez eventos que compoñen o calendario do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego chegará o vindeiro domingo, día 11, en Ponteareas. Toda a información sobre a Copa Galicia XCO 2025 podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
SELECCIÓNS
BTT
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es