Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Farto-BTC debuta como equipo UCI Continental feminino subindo ao podio en Navarra

16 DE MARZO DE 2021

Agnieta Francke obtivo a terceira posición no Memorial José Antonio Urdaniz

O-Farto-BTC-debuta-como-equipo-UCI-Continental-feminino-subindo-ao-podio-en-Navarra

Foto: Club Ciclista Farto

O Team Farto–BTC, primeiro equipo UCI feminino da historia de Galicia, tivo o pasado domingo un debut soñado na categoría profesional. Agnieta Francke, a esprinter holandesa do conxunto pontevedrés, logrou a terceira praza no Memorial José Antonio Urdaniz en Navarra.

A carreira contaba cunha participación de grandísimo nivel, coa maioría dos mellores equipos do país presentes. O pelotón elite integrábano 105 participantes e o xuvenil 75.

En condicións climáticas moi duras, baixo a choiva, vento e temperaturas baixas, sumado a un percorrido sinuoso co Alto de Olaberri como principal escollo, un grupo de oito ciclistas escapouse nos primeiros 15 km, no que estaba Francke.

O grupo abriu oco con respecto ao pelotón principal e foi capaz de manter a diferenza ata meta, disputándose a vitoria ao esprint.

Francke declara estar "contenta pero cun puntiño de pena porque se me escapou a vitoria por moi pouco. Lancei o sprint moi tarde e en meta non me deu tempo a rematar. Aínda así, empezar o ano cun podio é moi motivador".

A parte negativa para o conxunto galego veu dunha caída masiva ao principio da carreira na que se viron involucradas Diana Pedrosa, Garazi Korta e Sara Bonillo. As tres ciclistas víronse forzadas a abandonar polo forte golpe. Sandra Moral e Pilar Jiménez terminaron co grupo principal.

O director deportivo, Brais Dacal, afirma "estar contentísimo con este inicio de ano na nova categoría. Demostramos desde o primeiro día que vimos moi en serio e que este equipo dará moito que falar".

"A consigna era protexer a Francke durante a carreira para chegar ao esprint, pero lle dixen que estivese pendente das ciclistas fortes, porque se podía facer un corte cara a meta. Ao final sucedeu así e Agnieta coouse na escapada boa".

Tras este inicio exitoso do Farto-BTC, as próximas citas para o equipo galego deberían ser a Copa de España de Noja e a Volta CV de categoría profesional, "probas que se adaptan tamén ás condicións de Agnieta e nas que esperamos seguir destacando", conclúe Dacal.

Francke tamén gañou a clasificación da montaña ao pasar primeira polo único porto puntuable.

Fonte: Club Ciclista Farto

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es