Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Veloso encabeza na súa despedida o cuarteto galego da Volta a Portugal

04 DE AGOSTO DE 2021

A 'Grandíssima' arranca este mércores cun prólogo en Lisboa

Veloso-encabeza-na-sua-despedida-o-cuarteto-galego-da-Volta-a-Portugal

Dúas veces gañador da camisola amarela e segundo clasificado na xeral do 2020, Gustavo César Veloso comeza este mércores a despedirse da súa carreira fetiche. O ciclista vilagarcián, de 41 anos, participa por última vez na Volta a Portugal. Un adeus á 'Grandíssima' no que lidera a aliñación do Atum General-Tavira-Maria Nova Hotel e encabeza o cuarteto de representantes galegos na 82ª edición da rolda máis importante do calendario luso de estrada.

O estradense Alejandro Marque e o redondelán Samuel Blanco compartirán equipo co ciclista de Bamio, mentres que o cambadés Ángel Sánchez defenderá as cores do Tavfer-Measindot-Mortágua. Un póker de corredores no que ningún é novato nesta volta que o ciclismo da nosa comunidade conquistou en oito ocasións: cinco vitorias na xeral de David Blanco, dúas de Veloso e unha de Marque.

Co Movistar Team como gran atracción na liña de saída, o primeiro maillot de líder porase en xogo nun prólogo de 5,4 quilómetros en Lisboa. Será o aperitivo dun percorrido que concluirá o 15 de agosto con outra loita individual contra o reloxo, neste caso de 20,3 km en Viseu. As etapas raíñas desta rolda de categoría 2.1 rematarán nas dúas subidas máis célebres do país veciño. A meta deste sábado estará situada no alto da Torre, o punto máis alto do Portugal continental, e para a penúltima xornada queda a ascensión a Senhora da Graça.

A través da web da RTP poderá seguirse en directo o treito final de todas as etapas.

Páxina oficial da Volta a Portugal

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es