Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia no Porriño abre unha fin de semana con dobre cita Elite e Sub-23

13 DE JUNIO DE 2025

O percorrido de 140 quilómetros terá este sábado o Alto de Santiaguiño como último porto de Montaña na parte final da carreira

O-Campionato-de-Galicia-no-Porrino-abre-unha-fin-de-semana-con-dobre-cita-Elite-e-Sub-23

Foto: Concello do Porriño

Dúas probas da categoría Elite e Sub-23 percorrerán esta fin de semana as estrada da provincia de Pontevedra. O sábado dispútase o Campionato de Galicia - 6º Gran Premio do Porriño e o domingo chegará a quenda da IV Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández en Moaña, carreira puntuable para a Copa Galicia. Ambas citas tamén pertencen ao calendario da Real Federación Española de Ciclismo como eventos da clase 1.12.2. 

As camisolas autonómicas do pelotón amateur volven poñerse en xogo no Porriño dous anos despois. Baixo a organización do Club Máster da Louriña, coa colaboración da Concellería de Deportes do Concello do Porriño, a saída está fixada para as 16:30 horas e a participación roldará o centenar de corredores. Segundo o horario previsto, a chegada á liña de meta vivirase a partir das 19:30 h. 

Respecto ao 2023 o percorrido rexistra algunhas variacións. A distancia é similar, 140 quilómetros, manténdose a 'Volta ao Val' -polo Baixo Miño e o Val Miñor- e a ascensión ao Alto de San Cosme, co seu cumio no km 91,4, antes de realizar un primeiro paso pola meta. A principal novidade aparece no treito final coa subida de Santiaguiño, en Mos, un porto que inclúe un sector de sterrato e que se coroa a 12,5 km da conclusión. 

imagen

Durante a presentación da carreira celebrada este xoves, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “este tipo de competicións consolidan O Porriño como referente do deporte galego e atraen centos de persoas que poden gozar dun espectáculo deportivo de primeira”. No acto estiveron tamén presentes Juan José Álvarez, presidente do Club Máster da Louriña; Óscar Sánchez e Jacobo Ucha, representantes da Federación Ciclismo Galego; Rafael Pérez, patrocinador principal privado da proba; e María Felisa Rodríguez Carrera, concelleira de Deportes de Mos. 

Os títulos da Federación Ciclismo Galego conquistáronos o ano pasado, cando de Campionato de Galicia exerceu a Domaio Heroica, o salvaterrense Manuel Rodríguez nos elites e o brionés Christian Lapido nos sub-23. Este último non poderá revalidar a coroa ao competir esta temporada como ciclista da categoría Elite.   

Toda a informacón sobre o Campionato de Galicia Elite e Sub-23 podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CampionatoEstrada25

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es