Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Vigo pecha cun espectacular percorrido a edición 2022 da Copa de España Elite-Sub23

12 DE MAYO DE 2022

A proba organizada polo Vigo-Rías Baixas encargarase de decidir o gañador da edición 2022 do certame estatal. No seu percorrido de 180 km acumúlanse 4.100 metros de desnivel froito do ascenso a seis portos de montaña

Vigo-pecha-cun-espectacular-percorrido-a-edicion-2022-da-Copa-de-Espana-Elite-Sub23

A Copa de España Elite-Sub23, o certame que serve de viveiro para o florecemento dos mozos máis prometedores da estrada estatal, chegará este próximo domingo 15 de maio ao seu fin coa celebración da proba de Vigo, que foi presentada onte e detallou un percorrido extraordinariamente esixente que converterá en protagonistas aos mellores escaladores da competición.

O pelotón terá que afrontar 180 quilómetros polo sur da provincia de Pontevedra, con seis portos de montaña e final en alto. En total, ascenderá 4.100 metros de desnivel, o que permite asegurar que a proba organizada polo Vigo-Rías Baixas contará cunha dureza propia dunha das etapas decisivas dunha gran volta de tres semanas. As ascensións que agardan na cita viguesa, que forma parte do calendario da Copa de España Elite-Sub23 por segundo ano consecutivo, serán as seguintes: A Groba (km 29), de 1ª categoría; Monta Alba (km 75), de 2ª; Galiñeiro (km 82), de 2ª; Monte Aloia (km 109), de 1ª; Fonte dos 100 anos (km 160), de 2ª; e A Madroa, de 2ª e en cuxa cima estará situada a liña de meta.

Nesta proba final da Copa de España Elite-Sub23 tamén estreará camisola de líder Francisco Muñoz, do Eolo- Kometa, que se estableceu á fronte da xeral tras finalizar cuarto na Clásica de Pascua-Ruta Xacobea de Padrón. O ciclista da Fundación Contador conta con 422 puntos, que o sitúan cunha vantaxe de 55 puntos con respecto a Andoni López de Abetxuko (Caja Rural-Seguros RGA), que é segundo con 367 puntos. A terceira posición ocúpaa Ángel Coterillo (Gomur), con 330 puntos, mentres que a cuarta praza é para Guillermo Thomas Silva (Priviley), que suma 302 puntos. Esta situación, deixa nunha situación moi favorable a Muñoz, xa que é quen mellor se adapta a este percorrido tan duro de todos os ciclistas que contan con opcións de facerse coa xeral final. Para a vitoria da proba, como principais favoritos por diante de quen pelexa pola clasificación do certame, sitúanse Pablo Castrillo (Lizarte), gañador do  Valenciaga; Fernando Tercero (Eolo-Kometa), que se exhibiu na Aiztondo Klasikoa; ou Eric Fagúndez (Aluminios Cortizo), que a pasada semana emerxeu cunha notable actuación para facerse co triunfo na Clásica de Pascua-Ruta Xacobeo. Outros nomes para ter en conta serán os de José Luis Faura (Valverde Team), Mikel Mujica ( Telco’ m), Sinuhé Fernández (Lizarte) ou Pablo García Francés (Caja Rural-Seguros RGA).

A carreira de Vigo será a que conte cun pelotón máis numeroso de cantas probas compoñen esta Copa de España Elite-Sub23 2022. En total, tomarán a saída 28 equipos, xa que aos 20 habituais sumaranse oito conxuntos como convidados, que serán Bicicletas Rodríguez-Extremadura, CC Vigués, Lasal Cocinas-Louriña, Bicicletas Carlos-Ulevel-Pecafer, Retelec-Team Cycling Galicia, Farto-BTC, Cidade de Lugo-MyBike e Team Oiense-Turonia Maglia.

Esta previsto que a saída se efectúe ás 9:45 horas e que o gañador alcance a meta sobre as 14:45. Do mesmo xeito que a pasada semana, os amantes do noso deporte poderán gozar da retransmisión en directo mediante streaming a través da canle de YouTube de Emesports TV.

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Vigo pecha cun espectacular percorrido a edición 2022 da Copa de España Elite-Sub23
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es