Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Freire, Álvarez, Tajes e Prieto fanse cos títulos de campións de Galicia Máster de Estrada 2022

26 DE JUNIO DE 2022

O vasco Núñez impúxose no Trofeo de Ciclismo Concello de A Estrada

Freire-alvarez-Tajes-e-Prieto-conquistan-os-titulos-de-campions-de-Galicia-Master-de-Estrada-2022

Foto: Quadra Producións

O pelotón máster sumouse ás festas patronais da Estrada ofrecendo velocidade e emoción este sábado no seu Campionato de Galicia. A carreira de 80 quilómetros organizada polo Club Ciclista Cidade de Santiago repartía catro coroas autonómicas e dúas non cambiaron de propietarios. O máster-40 Diego Álvarez (MTC) e o máster-60 Manuel Prieto (Norinver) conservaron as camisolas azuis e brancas obtidas o ano anterior, mentres que os títulos máster-30 e máster-60 pasaron a pertencer, respectivamente, a Javier Freire (Huerces) e José María Tajes (Norinver).

En menos de dúas horas os ciclistas cubriron o percorrido da oitava edición do Trofeo de Ciclismo Concello da Estrada. Os máis de 150 inscritos comezaron a rodar ao carón do Colexio Manuel García Barros e, tras transitar polas estradas doutros seis concellos da provincia de Pontevedra (Cuntis, Moraña, Barro, Portas, Meis e Caldas de Reis), a proba resolveuse cun numeroso esprint no mesmo punto onde arrancara.

O máis rápido nos últimos metros foi o vasco Mikel Núñez (Lasal-Cocinas Louriña), que non contaba para o Campionato de Galicia. O representante da formación porriñesa cruzou a liña de meta cun tempo de 1:59:19, por diante do defensor do título máster-40 Diego Álvarez, que rematou segundo, e o podio da carreira completouno o tamén máster-40 Francisco Javier Iglesias (Cidade de Santiago).

Nesta volata decidíronse outras dúas camisolas autonómicas. Javier Freire logrou a máster-30 ao entrar cuarto, quinto finalizou o máster-40 Jose Manuel Regueira (Chantadino) e sétimo, por detrás do asturiano Jose Ignacio Méndez (Garaje Paco), concluíu o novo campión máster-50 José María Tajes. 

En canto aos máster-60, Prieto repetiu éxito e recolleu no podio o maillot como primeiro da súa categoría. Na entrega de premios estivo presente o concelleiro de Deportes da Estrada, Ismael Pena, xunto a Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. 

 

Podios do Campionato por categorías

Máster-30

1. Javier Freire (Huerces)

2. Javier García (San Ramón de Vilalba)

3. Sergio Bua (Monte Xalo)

 

Máster-40

1. Diego Álvarez (MTC)

2. Francisco Javier Iglesias (Cidade de Santiago)

3. José Manuel Regueira (Chantadino)

 

Máster-50

1. José María Tajes (Norinver)

2. Manuel Míguez (Punta Fondón)

3. Carlos Rodríguez (Milagrosa)

 

Máster-60

1. Manuel Prieto (Norinver)

2. Manuel González Ojea (Bici O Con)

3. José Luís Riobó (Bueu)

 

Clasificacións 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es