Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Viveiro celebra este sábado a primeira edición do Campionato de Galicia Infantil de Estrada

14 DE JUNIO DE 2024

O Gran Premio Ciclista San Roque tamén pon en xogo puntos para tres categorías da Copa do Porvir

Viveiro-celebra-este-sabado-a-primeira-edicion-do-Campionato-de-Galicia-Infantil-de-Estrada

O palmarés do Campionato de Galicia Infantil inaugúrase este sábado en Viveiro. Por primeira vez a nosa comunidade terá unha raíña e un rei de fondo en Estrada nesta categoría de formación. Unha das grandes novidades da temporada a nivel autonómico estréase nunha cita histórica do calendario e que ademais reparte puntos para a Copa Galicia do Porvir.

O Gran Premio Ciclista San Roque alcanza a súa XXXIX edición cargado de alicientes e con 161 participantes que formalizaron a súa inscrición. O evento organizado polo Club Ciclista Viveiro reunirá na capital da Mariña Lucens Occidental a corredoras e corredores de once categorías. O programa de carreiras abrirao a competición alevín ás 15:30 horas na Avenida Luis Cebreiro. 

A seguinte quenda, fixada para as 16:00 h, será a puntuable para tres clasificacións xerais da Copa Galicia do Porvir. As cadetes, os cadetes e as juniors afrontarán a súa terceira xornada correspondente ao certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG). Despois das probas en Boiro e en Carballo, os rankings encabézanos a cadete Alejandra Neira (Cambre), o cadete Adrián Prieto (Emico & Erbi Bembrive) e á júnior Xiana Camiña (Becani). 

imagen

O percorrido de 44 quilómetros por Viveiro e Ourol remata nunha das subidas de referencia para o noso ciclismo. As ramplas do Alto de San Roque, de 2,5 km de lonxitude, ofrecerán un esixente e fermoso desenlace. Logo desta carreira, á Copa de Galicia do Porvir nestas tres categorías unicamente lle restará o Trofeo Festas de San Roque, o 11 de agosto, en Betanzos. 

A continuación, ás 18:00 h, porase en marcha o Campionato de Galicia Infantil. Tanto a saída como a chegado do itinerario de 16 km localizarase na Avenida Luis Cebreiro. Este grupo de idade pugnou por primeira vez polas coroas autonómicas o pasado mes de maio no Campionato de Contra O Reloxo Individual disputado na Proba do Brollón. No sur da provincia de Lugo venceron Antía Torres (Teis) e Ariel Soto (Cambre). 

Por último, o G.P. San Roque deixa para o final as carreiras Promesa e Principiante. A presentación do evento contou coa presenza de María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; José Luis Pajón, alcalde de Ourol; César Lage, presidente do Club Ciclista Viveiro e delegado da FCG na provincia de Lugo; e Jose Hilario Parapar, vicepresidente do club anfitrión.

Máis información

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es