16 DE SEPTIEMBRE DE 2025
A categoría júnior masculina vivirá este domingo o seu gran día da temporada a nivel autonómico. A terceira edición do Trofeo Portus Apostoli pon en xogo a camisola de campión de Galicia xuvenil 2025 de Fondo en Estrada. Farao nun percorrido de 114,1 quilómetros con inicio en Portosín e final en Noia. A cita en territorio coruñés está organizada polo Picusa Academy en colaboración coa Peña Ciclista Noela.
O arranque da competición transcorrerá polas estradas do concello de Porto do Son, unha vez dada a saída ás 10:00 horas desde a Confraría de Portosín. O pelotón dirixirase cara a Noia para completar catro voltas a un circuíto de 15 quilómetros con epicentro na Alameda. Tras o cuarto paso pola liña de meta, a carreira entrará na súa fase decisiva, que inclúe o ascenso ao porto de montaña de Vilacoba, no concello de Lousame. Desde o cumio desta ascensión restarán 22 quilómetros para a conclusión. O desenlace da proba está previsto na Alameda de Noia a partir das 12:40 horas.
Os detalles do III Trofeo Portus Apostoli – Campionato de Galicia Júnior desveláronse na presentación que tivo lugar este martes pola tarde no Concello de Noia. A este acto asistiron Francisco Pérez, alcalde de Noia; Carlos Lorenzo, concelleiro de Deportes de Porto do Son; Sandra González, concelleira de Deportes de Noia; Sergio Seoane, director da carreira; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Tamén acudiu como convidado o exciclista profesional Ezequiel Mosquera.
A coroa autonómica da categoría xuvenil busca novo propietario tras conquistala a pasada campaña en Moaña o agora corredor sub-23 Iker Rodríguez. Ademais do título da Federación Ciclismo Galego, tamén se disputará o triunfo absoluto da carreira, ao que optan todos os corredores, sexan galegos ou non. A falta de que este mércores se peche o prazo de inscrición, xa se rexistraron para participar os equipos Picusa Academy -como anfitrión-, Cambre, Cortizo, Coruxo, Teis, Carballo, Supermercados Froiz, Polti VisitMalta e formacións portuguesas.
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CICLISMO ADAPTADO
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es