01 DE FEBRERO DE 2025
Fotos: Aldara Buceta
Unha localidade historicamente tan vencellada á bicicleta como Ponteareas acolleu este sábado por a Gala do Ciclismo Galego. A festa anual organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) conmemorou os éxitos deportivos colleitados no 2024 e tamén os organizativos como o inesquecible Campionato de Europa de Ciclocrós que se celebrou en Pontevedra o pasado mes de novembro. O evento continental acumulou seis das dezaseis Mencións Especiais que se outorgaron no Auditorio Reveriano Soutullo.
Polo apoio institucional ao Europeo que tivo lugar no circuíto da Illa das Esculturas recibiron o recoñecemento da FCG a Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Mar. Tamén se distinguiu a dous medios de comunicación pola cobertura que ofreceron do Campionato, ao Diario de Pontevedra e a Radio Pontevedra-Cadena Ser.
A nivel institucional outro galardón recaeu no concello anfitrión da Gala. O ciclismo da nosa comunidade agradeceu deste xeito o compromiso de Ponteareas con este deporte. Único municipio do mundo que conta con tres gañadores da Vuelta España, esta vila comezou o 2025 exercendo de capital do ciclismo galego coa disputa a principios de xaneiro do Campionato de Galicia Ciclocrós.
Dende Ponteareas partiu no 2024 a última etapa do Gran Camiño, carreira premiada coa Mención Especial de mellor evento ciclista do ano, unha distinción coa que se recoñeceu o traballo realizado pola empresa EME Sport. O premio de mellor patrocinador privado recibiuno a firma Cortizo.
Dous ciclistas de Redondela protagonizaron os recoñecementos individuais, Lois de Jesús polo seu salto ao pelotón profesional co equipo Tavfer portugués e Samuel Blanco logo de poñer fin a súa etapa competindo ao máis alto nivel. Co resto de Mencións Especiais felicitouse a cinco clubs por ter alcanzado os 25 anos de existencia: Cambre, Cidade de Lugo, Correcamiños, RP3-Singletracks Outdoor Sports e Grupo Deportivo Supermercados Froiz.
Máis de 150 resultados deportivos acadados na última temporada foron galardoados con trofeos e diplomas. Eses premios corresponderon aos Rankings da FCG -clasificacións elaboradas cos puntos que se reparten nas competicións autonómicas de Estrada, Ciclocrós e especialidades do BTT-, aos medallistas nos Campionatos de España e aos ciclistas e equipos que acadaron postos de podio nas xerais finais das Copas de España. As súas distincións non as puideron recoller a marinense Lorena Patiño e o ponteareán Miguel Rodríguez, ao atoparse ambos competindo coa selección española no Campionato do Mundo de Ciclocrós en Liévin (Francia).
A Gala, conducida polo comunicador ponteareán Terio Carrera e amenizada musicalmente polo grupo Alteanos, contou coas intervencións de José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; de Luis Rodríguez, concelleiro de Deportes de Ponteareas; de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; e de Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas e deputada provincial de turismo da Deputación de Pontevedra. Tamén participaron como autoridades Marta Villaverde Acuña, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro na Consellería do Mar; Juan Carlos González Carrera, concelleiro de Ponteareas; Javier Nogueira, presidente da Unión de Federacións Deportivas de Galicia; Antonio Hidalgo, tenente coronel da Garda Civil e xefe do Subsector de Tráfico; José María Martínez, comandante inspector da Garda Civil; Eva Villaverde, concelleira de Pontevedra; e Manuel Tanoira, xefe de ventas de Toyota Compostela Móvil.
EVENTOS
EVENTOS
EVENTOS
EVENTOS
EVENTOS
EVENTOS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es