29 DE ENERO DE 2024
Foto: Concello de Vilagarcía
As Xornadas de Formación da Federación Ciclismo Galego (FCG) comezaron a acumular quilómetros na súa cuarta temporada. En colaboración coa Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía de Arousa, unha vintena de corredores sub-23 de estrada participaron este sábado nunha convivencia con parte práctica e teórica. Adestramento, charlas e consellos ofrecidos por profesionais combináronse nunha iniciativa que durante as vindeiras semanas e meses repetirase con outras categorías e modalidades.
A sesión matinal tivo como punto de partida as pistas municipais de atletismo e serviu para comprobar o estado de forma dos sub-23 na fin de semana previa ao inicio do calendario estatal. Xunto a eles percorreron as estradas da comarca do Salnés dous dos representantes galegos no pelotón UCI, o moañés Delio Fernández e o redondelán Samuel Blanco, compañeiros de equipo no APHotels and Resorts-Tavira portugués. Rodando polos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis e Ribadumia, sumáronse 110 quilómetros nun adestramento de 3 horas e media de duración que incluíu a subida a dous portos de montaña, o Alto do Busto e o Miradoiro de Lobeira.
Ao regreso a Vilagarcía, os corredores recibiron a visita do alcalde, Alberto Varela, e do concelleiro de Deportes, Carlos Coira, Os representantes federativos nesta Xornada de Formación, o directivo Óscar Sánchez e o seleccionador Jacobo Ucha, transmitíronlle o agradecemento da FCG ao Concello da cidade arousá por todo o apoio prestado, unha vez máis, para levar a cabo este tipo de actividades.
Despois de pasar pola ducha e de compartir xantar, os ciclistas seguiron estreitando lazos e adquirindo coñecementos nas dependencias do centro sociocultural de Fontecarmoa. Alí tiveron lugar as dúas charlas programadas para esta concentración. O dietista-nutricionista José Antonio López Gómez, xerente do centro de nutrición especializado en alto rendemento deportivo Maná Lab, abordou a importancia de adquirir bos hábitos de alimentación.
A súa experiencia profesional tamén a compartiu Delio Fernández, o ciclista galego que na actualidade leva máis anos competindo ao máximo nivel. Da clausura da xornada encargouse Jacobo Ucha. O seleccionador de estrada explicou o plan de traballo da FCG cos sub-23 de cara á temporada que está a piques de arrancar.
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es