13 DE JUNIO DE 2022
Fotos: Extol MTB Team
Na proba máis cercana a Galicia no calendario da Copa de España de Cross Country Maratón (XCM), o Extol MTB Team sentiuse como en casa. O conxunto do Deza conseguiu na Power Race Astorga dous segundos postos elites, un con Susana Alonso e o outro, un chisco máis amargo, con Javier Busto, que se quedou a centímetros da vitoria nun evento de categoría UCI C2. O terceiro posto do máster-30 Esteban Sánchez completou a colleita de podios do equipo lalinense e o máster-60 Constantino Arias (Tres Lunas Valdeorras), a do BTT galego.
Os 111 quilómetros con máis de 2.300 metros de desnivel positivo acumulado da cuarta e penúltima cita do certame estatal arrancaron con Busto saíndo a por todas. O xefe de filas do Extol tratou de impoñer o seu ritmo dende os primeiros compases, logrando abrir un oco de case un minuto no km 20 sobre un grupo perseguidor aínda moi numeroso.
Dende atrás saltaría Julen Latorre (Aldapa), sendo quen de contactar con Busto e os dous rodarían xuntos ata o final. A vitoria decidiuse nun cara a cara ao esprint, co elite vasco facendo valer a súa punta de velocidade tras 4:07:56 de carreira. O terceiro clasificado, Juan Ignacio Pérez (Flyz Rothar) cruzou a liña de meta 37" despois. Os galegos Alberto Alanis (Burgas Bike), no posto 16º; Yago Fernández (Extol), no 19º, e Brandan Márquez (V Bike), no 20º, remataron dentro do top-20 elite.
Remonta
A segunda praza de Susana Alonso respondeu a un guion diferente á do seu compañeiro de equipo. "A proba resúmese nun 'revolcón' no primeiro sendeiro e pelexando ata o final para remontar", sintetizou a mosense nas súas redes sociais, que aproveitou para darlle as grazas "aos corredores que se pararon a botarme unha man na caída".
A progresión da biker do Extol levouna a asinar o seu mellor resultado desta temporada na Copa de España de XCM. Cun rexistro de 4:54:51 terminou a 1'33" de María Díaz (Bikes Armilla), gañadora e nova líder, e con 6'19" de marxe respecto a Cristina Morán (Goros Bike), terceira en Astorga. A sexta posición ocupouna Eva Ortega (Extol), que na xeral perde un posto e agora é terceira.
A formación dezá tamén pisou o caixón con Esteban Sánchez, 19º na xeral e terceiro máster-30, un grupo de idade no que Manuel Casuso (Xesteiras), Sergio Mariño (Sanomedio) e Federico Lamas (Xesteiras) fixeron quinto, sexto e sétimo, respectivamente.
O cuarto podio á colleita da noso comunidade aportouno Constantino Arias, terceira na clasificación máster-60 dominada polo vasco Manuel Estévez (Virgen de Aiala) e con Emiliano del Prado (Mountain Bike Madrid) segundo, mentres que nos máster-50 o Ribadumia contou con dous representantes entre os dez primeiros: Aquilino Casalderrey, sexto, e Manuel Pombo, décimo.
A Copa de España tómase un respiro antes da súa última carreira, o Maratón BTT Sierra de Cazorla, que se disputará o 4 de setembro na provincia de Jaén.
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es