07 DE JULIO DE 2025
Fotos: Concello de Xove
O pasado verán a Copa Galicia de Pump Track encargouse de inaugurar o parque deportivo e de ocio de Xove. A ese mesmo escenario o certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego regresou este sábado, da man de Sportskids como organizador, e na segunda cita da temporada un club e unha categoría impuxeron a súa velocidade. Paula Rodríguez e Izan Lago, riders cadetes do Val do Ulló, comandaron as clasificacións absolutas na Mariña Lucense.
O mellor 'crono' dos preto de 70 participantes rubricouno o novo líder da xeral cadete masculina. Izan Lago detivo o reloxo en 18 segundos e 449 milésima, un tempo do que quedaron a menos de 3 décimas os outros membros do top-5. O sub-23 Iván García (Val do Ulló) fixo 18.465, o júnior Pedro Fernández (OsdoSacho) 18.579, o cadete Miguel Blanco (A Forna) 18.625 e o júnior Sergio Hidalgo (Pontebike) 18.828. Moita xuventude e máxima emoción.
A pugna polo scratch feminino tivo como principais protagonistas a dúas cadetes. Paula Rodríguez, cunha marca de 20.890, bateu por pouco máis de medio segundo a Ainoa Posada (AXPO), segunda clasificada absoluta con 21.418. Outra promesa do noso Pump Track, a infantil Carla Pérez (Val do Ulló), acadou a terceira posición grazas a un rexistro de 22.910.
A vitoria no resto de categorías correspondeu a Thiago Fernández (Teis) en Promesa 5 e 6, a Sofía Casal (Val do Ulló) e Noel Vidal (Val do Ulló) en Promesa 7 e 8, a Alén Hermida (Pulpeiros) en Principiante, a Iván García (THC Bike) en Alevín, a Iker Viéitez (Teis) en Infantil, a Alejandra Chapela (VK Bikes) e Javier Novo (BDM) en Elite, a Antonio Álvarez (Cerezo Bikes) en Máster-30, a Tamara Santos (VK Bikes) e Francisco Manuel Lourenzo (Bike ou Non Vai) en Máster-40, a Rosa María López (Maese Ourense) e Alberto Manuel García (Maese Ourense) en Máster-50 e a Antonio Piñeiro (Maese Ourense) en Máster-60.
A Copa Galicia tómase un descanso de mes e medio despois dos seus dous primeiros eventos e o terceiro disputarase o 23 de agosto en Mugardos. Á xornada na que o Club Pulpeiros exercerá de anfitrión chegarán como líderes Carla Pérez e Iker Viéitez en Infantil, Paula Fernández e Izan Lago en Cadete, Pedro Fernández en Júnior, Alba Fernández (Pontebike) e Iván García en Sub-23, Alejandra Chapela e Javier Novo en Elite, Ana Santos (VK Bikes) e Carlos Núñez (Kamikazes) en Máster-30, Tamara Santos e Francisco Manuel Lorenzo en Máster-40, Rosa María López e Alberto Manuel García en Máster-50, e a Antonio Piñeiro en Máster-60.
Toda a información sobre este certame autonómico podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
BTT
BTT
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es