Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia de Pump Track volveu das súas vacacións en Mugardos

26 DE AGOSTO DE 2025

O Pulpeiros triunfou como organizador do G.P. Granxa O Coto ao acadar os mellores tempos da xornada por medio da infantil Carla Rodríguez e do júnior Leo Álvarez

A-Copa-Galicia-de-Pump-Track-volveu-das-suas-vacacions-en-Mugardos

Foto: Juchinin Fotografía

Na fin de semana previa ao Campionato de Galicia de Pump Track, a Copa autonómica reactivouse este sábado en Mugardos. A 3ª Copa Club Pulpeiros - G.P. Granxa O Coto puxo fin ao mes e medio de vacacións dun certame que celebrou a súa terceira xornada. Defendendo as cores do club organizador, o júnior Leo Álvarez e a infantil Carla Rodríguez asinaron os rexistros scratch.

Dos 104 participantes inscritos no evento do Club Pulpeiros, o único que baixou da barreira dos 22 segundos foi Leo Álvarez. O representante do conxunto anfitrión detivo o cronómetro en 21.419 na súa quenda máis rápida. Os dous riders que máis se achegaron á marca do gañador júnior teñen idade cadete. Miguel Blanco (A Forna) apuntouse a vitoria na súa categoría cun tempo de 22.291 e Noé Porto (Máster da Louriña) quedou segundo grazas ao seu 22.381. 

Como raíña da pista mugardesa coroouse a infantil do club local Carla Rodríguez. A corredora do Pulpeiros sorprendeu cun 'crono' de 24.961 ás dúas especialistas que pugnaron polo primeiro posto cadete. Paula Rodríguez (Val do Ulló) levouse o triunfo na categoría máis igualada cun rexistro de 25.437, tan só 39 centésimas menos que o 25.476 de Ainoa Posada (AXPO). 

As outras clasificacións con puntos en xogo para a Copa Galicia encabezáronas Iker Viéitez (Teis) nos infantís, Javier Novo (BDM) nos elites, Alejandro Pérez (Maese Ourense) nos máster-30, Francisco Manuel Lorenzo (Bike ou Non Vai) nos máster-50, Rosa María López (Maese Ourense) e Miguel Ángel Pintos (Coruxo) en Máster-50, e Antonio Piñeiro (Maese Ourense) nos máster-60. En canto ás categorías de promoción, ao máis alto do podio subiron Sofía Casal (Val do Ulló) e Noel Vidal (Val do Ulló) en Promesa, Alen Hermida (Pulpeiros) en Principiante, e Eva Vilas (Farto) e Thiago Beiro (BMX Cromoly) en Alevín. 

imagen

Unha vez alcanzado o ecuador do calendario composto por seis eventos, a xeral do certame autonómico ten como líderes a Inés Araújo (VigoEnduro) e Iker Viéitez en Infantil, a Paula Fernández e Miguel Blanco en Cadete, a Pedro Fernández en Júnior, a Alba Fernández (Pontebike) e Sergio Veiga (Pontebike) en Sub-23, a Alejandra Chapela (VK Bikes) e Javier Novo en Elite, a Ana Santos (VK Bikes) e Alejandro Pérez en Máster-30, a Tamara Santos e Francisco Manuel Lorenzo en Máster-40, a Rosa María López e Alberto Manuel García (Maese Ourense) en Máster-50, e a Antonio Piñeiro en Máster-60. 

A seguinte proba, o III Pump Track Concello de Ourense, disputarase o domingo 7 de setembro. Antes, o vindeiro sábado, chegará o Campionato de Galicia no Pereiro de Aguiar. 

Toda a información sobre a Copa Galicia de Pump Track podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPT25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

Clasificacións Mugardos

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es