15 DE SEPTIEMBRE DE 2025
Fotos: RFEC
Tres bikers da nosa comunidade representaron á selección española no Campionato do Mundo de MTB celebrado no cantón suízo de Valais e entre os resultados acadados destaca o de Lorena Patiño na proba Júnior de Cross Country Olímpico . A marinense cumpriu a súa ambición de finalizar entre as dez primeiras logo de completar unha gran actuación no circuíto de Crans-Montana. Indo de menos a máis nunha carreira para o recordo, cruzou a liña de meta na décima posición.
“Xa era hora de facer un top-10 no Campionato do Mundo. Estou moi contenta polo resultado que obtiven. A saída era o que máis me preocupaba e foime de luxo. Mantiven o posto ao principio e logo aos poucos puiden ir remontando para entrar nese top-10, así que termino moi contenta por como está a ser este final de temporada”, afirmou a corredora do Decathlon Misser Project.
A carreira júnior feminina de XCO disputouse o pasado venres. Lorena Patiño completou o primeiro xiro na 14ª praza, logo dunha boa saída, e en cada un dos parciais foi avanzando posicións grazas ao seu gran ritmo de carreira. Concluíu a algo máis de 5 minutos da vencedora, a eslovena Marusa Serkezi. O segundo e o terceiro chanzo do podio ocupárono respectivamente a suíza Anja Grossman e a checa Barbora Bukovska.
Ao día seguinte, o sábado, chegou a quenda de Alejandro García na categoría Sub-23. O carballiñés protagonizou unha inmensa remonta que o chegou a situar na 13ª praza. Finalmente, o seu primeiro Mundial como sub-23 rematouno no posto 21. "Carreira moi dura desde o principio alcanzando a 13ª posición, pero perdendo a chispa ao final. Estou súper feliz de ser quen de loitar no top-15 en boa parte da proba no meu primeiro ano na categoría", valorou o biker do Mondraker Factory Racing.
Alejandro García e Lorena Patiño formaron parte da selección española de Team Relay que acadou a 11ª praza o pasado xoves na antesala das competicións individuais. A júnior encargouse da terceira volta, mantendo a posición, e o sub-23 da última, sufrindo unha caída que lle impediu superar a Dinamarca.
O primeiro galego que entrou en escena nos Alpes suízos foi Pablo Rodríguez o sábado 6 de setembro. O macedao afrontou os 125 quilómetros, con 5.000 metros de desnivel acumulado, do Mundial de Cross Country Maratón. "O Campionato do Mundo 2025 lembrareino posiblemente toda a miña vida como a carreira máis dura que fixen, polo seu desnivel, distancia e a altura", asegurou o actual campión de España desta especialidade.
Despois de 6 horas 22 minutos e 48 segundos enriba da bicicleta, Pablo Rodríguez clasifouse 28º. "Discreto, pero satisfeito", valorou o seu resultado o corredo do Buff Megamo Team. "É difícil de xestionar un esforzo así. Faltoume algo de forza a partir da hora 5 e por riba dos 2.200 metros do último porto", apuntou o ourensán.
BTT
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es