Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Ángel Maneiro e Desiree Fernández repiten na Copa Galicia BTT 3h Resistencia de Noia

22 DE ENERO DE 2024

Iria Nieto e Ángel Vilanova tamén consolidaron o seu liderado nas parellas mixtas. Samuel Varela e Fabián Rodríguez estrearon a súa conta de vitorias nos dúos masculinos

angel-Maneiro-e-Desiree-Fernandez-repiten-na-Copa-Galicia-BTT-3h-Resistencia-de-Noia

Fotos: Luz Iglesias

O primeiro certame do ciclismo galego no 2024 colleu velocidade este domingo en Noia. Despois do seu enlamado arranque unha semana antes en Lousame, a Copa Galicia BTT 3h Resistencia celebrou a segunda das súas cinco xornadas puntuables e repetiu raíña e rei individuais. A elite Desiree Fernández (RSBike) e o elite Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) volveron ser os máis fortes, nesta ocasión sobre terreo seco. 

O Club Peña Ciclista Toxo organizou hai dous anos o Campionato de Galicia desta especialidade no Polígono Industrial Agualevada, circuíto no que de novo exerceu de anfitrión tras facelo a temporada pasada no trazado da Barquiña. Cunha inscrición de 260 bikers, cifra practicamente idéntica á da edición anterior, a 3H BTT Noia tivo aos mesmos dominadores nas táboas absolutas. O ciclista local Ángel Maneiro revalidou o triunfo acadado no 2023. Nas tres hora de competición, o noiés conseguiu finalizar once voltas, cifra que ningún outro participante asinou. 

imagen

A camisola de líder tamén a afianzou o máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras), a quen por segunda xornada consecutiva só superou Maneiro. O representante do conxunto de Cuntis deu dez voltas, ao igual que outros cinco corredores. Os seus compañeiros de equipo Iván Pereira -elite- e Samuel Baña -máster-30- rubricaron, respectivamente, a terceira e a cuarta mellor actuación. O líder máster-40 Alejandro Paleo (Extol-Zambora.es) fixo quinto, impoñéndose no seu grupo de idade por diante de Delmiro Acevedo (Burgas Bike), e o grupo dos que alcanzaron a decena de xiros ao circuíto de Agualevada completouno o elite Diego Marnotes (Extol-Zambora.es) . 

As outras categorías masculinas individuais tiveron no máis alto do podio ao júnior Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos), ao sub-23 Ricardo Liste (Lasal Cocinas-Louriña), ao máster-50 Aquilino Casalderrey (Ribadumia) e ao máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas). 

Do mesmo xeito que nos homes, a camisola elite da Copa Galicia marcou o ritmo máis resistente na competición feminina. Desiree Fernández sumou sete voltas con 9 minutos e 24 segundos de vantaxe sobre Andrea Escudeiro (Ribadumia) e distanciándose en 5' máis de Sofía da Silva (Extol-Zambora.es), a primeira máster-40. Cun paso menos pola liña de meta, a máster-40 Marta Fernández (Poio Bike) ocupou a cuarta praza absoluta e a gañadora júnior Nerea Suárez (Becani) apuntouse a quinta posición.  

imagen

En Noia disputáronse dúas categorías de mulleres máis que en Lousame. Defendendo as cores do equipo organizador, Mónica Álvarez (Toxo) vestiuse como primeira líder máster-30 da Copa Galicia esta temporada. En canto ás sub-23, a dobre recompensa do triunfo parcial e do maillot do certame obtívoa Sofía Ferreiro (Esmelle).

Parellas

A competición de remudas masculinas rexistrou un cambio no máis alto da xeral. Antonio Mato e Álvaro Pérez (Toxo) víronse desbancados na cita do seu club. O dúo do conxunto noiés tivo que conformarse coa terceira posición ao rematar a 5'19 de Marcos Mayo e Alfonso Oreiro (BTT O Treito) e a 8'08 de Fabián Rodríguez e Samuel Varela (Cambre), gañadores da xornada e novos líderes . Estas tres parellas acumularon dez voltas. Unha menos, nove, bastáronlles a Iria Nieto e Ángel Vilanova (Oiense-Compostelano) para adxudicarse a proba mixta lucindo as camisolas da Copa. A 9'27 do tándem vencedor concluíron Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde) e cun xiro menos lograron o terceiro posto Paula Blanco e Marcos Gómez (Monte Xalo-Bikestrada). 

As categorías de dúos cadetes ampliáronse respecto á primeira cita puntuable desta campaña. Houbo parellas femininas, carreira na que Alexandra Lorenzo e Nerea Sánchez (Xesteiras) dobregaron a Alba Lamas e Lía Rodríguez (Creto Bikes-Cambre). A vitoria masculina rubricárona Breixo Cochón e Breogán Fraga (Poio Bike) e a mixta Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo). 

imagen

Ao terceiro evento da primeira Copa Galicia do 2024 chegarán comandando as clasificacións xerais Nerea Suárez e Adrián Caamaño en Júnior, Sofía Ferreiro e Ricardo Liste en Sub-23, Desiree Fernández e Ángel Maneiro en Elite, Mónica Álvarez e Manuel Parada en Máster-30, Sofía da Silva e Alejandro Paleo en Máster-40, Juan Iglesias (Ferrol) en Máster-50, Manuel Bugallo en Máster-60, Iria Nieto e Ángel Vilanova nas parellas mixtas e Fabián Rodríguez e Samuel Varela nos dúos masculinos.

Os premios e as camisolas de líderes encargáronse de entregalas Iván Lorenzo, tenente de alcalde de Noia; Laura Salgado, concelleira de Xuventude; Santiago Rodríguez, concelleiro de Deportes; Miguel Mato, presidente do CPC Toxo; e Óscar Sánchez, directivo da Federación Ciclismo Galego. 

imagen

Sen cambiar de ría, a Copa Galicia BTT 3h Resistencia continuará o vindeiro domingo en Muros. Toda a información sobre este certame podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaR24

Clasificacións

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Ángel Maneiro e Desiree Fernández repiten na Copa Galicia BTT 3h Resistencia de Noia
Ángel Maneiro e Desiree Fernández repiten na Copa Galicia BTT 3h Resistencia de Noia
Ángel Maneiro e Desiree Fernández repiten na Copa Galicia BTT 3h Resistencia de Noia
Ángel Maneiro e Desiree Fernández repiten na Copa Galicia BTT 3h Resistencia de Noia
Ángel Maneiro e Desiree Fernández repiten na Copa Galicia BTT 3h Resistencia de Noia
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es