Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Delio Fernández apúntase á Manzaneda Gran Fondo deste domingo

28 DE AGOSTO DE 2023

O corredor profesional moañés compartirá pelotón con máis de 200 cicloturistas

Delio-Fernandez-apuntase-a-Manzaneda-Gran-Fondo-deste-domingo

O prazo para inscribirse á primeira edición da Manzaneda Gran Fondo remata este mércores (fai click aquí para anotarte) e entre as altas rexistradas nas últimas horas está a dun dos referentes do noso ciclismo. Delio Fernández vén de confirmar a súa presenza este domingo na estación de montaña ourensá para rodar, explorar e desfrutar xunto a máis de 200 cicloturistas. A oportunidade de compartir pelotón co corredor profesional moañés será un dos moitos alicientes da marcha organizada pola Federación Ciclismo Galego.

Delio pedaleará na Manzaneda Gran Fondo vinte días despois da súa vitoria nunha das grandes etapas da Volta a Portugal. O morracense da formación lusa do Tavira impúxose na tirada con final no Alto da Torre, onde ademais se vestiu de amarelo. Ese excepcional triunfo foi un dos máis fermosos conseguidos ao longo dos seus quince anos como ciclista profesional, unha brillante traxectoria na que defendeu as cores, entre outros equipos, do Xacobeo Galicia e do Delko francés. 

Xunto ao de Moaña estará Carlos Canal, o dorsal número 1 da Manzaneda Gran Fondo. Esta proposta deportiva e de lecer ofrece dúas distancias para todas e todos os interesados en pedalear a través das paisaxes naturais das comarcas de Terras de Trives e Caldelas. Ambos percorridos arrancarán ás 09:30 horas dende a Estación de Montaña de Manzaneda e comparten as ascensións do Alto de Cedeira e do Suspiazo, así como o avituallamento de Chandrexa de Queixa, antes de separarse. O Gran Fondo alcanza os 127 quilómetros e o Medio Fondo, os 88 km. Tanto nunha como outra opción a liña de meta estará situada no cumio de Cabeza de Manzaneda.

imagen

A última subida que se afrontará no Gran Fondo, despois do avituallamento de Manzaneda, ten unha lonxitude de 17,5 km e un desnivel medio do 6,3%. Os derradeiros 7 km son compartidos, pero no Medio Fondo o treito inicial desa ascensión é menos esixente, polo que os 16,8 km das ramplas que conducen ata a meta quedan nun 3,4% de pendente media. 

Estes dous trazados, adaptados ao estado físico e á motivación de cada participante, transcorren por un total de sete concellos: Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo e Chandrexa de Queixa. A Manzaneda Gran Fondo non é unha competición e moverase controlada por un dispositivo que garantirá a seguridade. Iso si, cada ciclista poderá poñerse a proba elixindo o ritmo que máis lle conveña no treito libre das subidas finais. 

Oferta de aloxamento

A Estación de Montaña de Manzaneda festexa a estrea deste Gran Fondo ofrecendo tarifas especiais para aloxarse. Os participantes poden aproveitarse das seguintes tarifas:

Apartamento 2 Pax.....70 euros/noite

Apartamento 4 Pax.....120 euros/noite

Apartamento 7 Pax.....190 euros/noite

Opción en Media Pensión.....+20 euros

Esta oferta inclúe piscina ou spa durante unha hora e lavabicicletas. As reservas realízanse chamando ao númerto de teléfono 988 30 90 90. 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es