Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Volta Galicia dedicada a Magín Froiz arranca en Poio

10 DE SEPTIEMBRE DE 2022

A primeira tirada inclúe o ascenso ao alto da Escusa

A-Volta-Galicia-dedicada-a-Magin-Froiz-arranca-en-Poio

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a concelleira de Deportes, Marga Caldas, presidiron este venres o acto de presentación da primeira etapa da vixésima edición da Volta Ciclista a Galicia, que se desenvolverá o vindeiro xoves 15 de setembro. A saída desde Combarro será ás 12.00 horas. Este ano, a Volta decide iniciarse en Poio a modo de homenaxe póstumo a Magín Froiz, “un gran amante do deporte e, especialmente, do ciclismo”, tal e como lembraron os dirixentes municipais e organizadores.

Á altura do quilómetro 10, en Samieira, disputarase a primeira Meta Volante nunha etapa que, tal e como vaticinou o presidente da Federación, “promete ser espectacular e non dar respiro”, ao non contar apenas con terreo chá, estando considerada como unha etapa ‘rompepernas’, con rampas e baixadas constantes. Tras pasar por concellos como Cuntis, Catoira, Vilagarcía ou Meaño, o pelotón terá que ascender A Escusa, de 1ª categoría, a menos de 20 quilómetros da meta. A finalización da etapa está prevista para as 16.00 horas aproximadamente, nas inmediacións do Mosteiro de San Xoán.

A pesar de ser a primeira etapa, Evaristo Portela sinalou que “pode resultar decisiva”. O responsable do GD Supermercados Froiz lembrou que esta proba sempre é unha das citas prioritarias do calendario para o equipo poiense e que “este ano aínda o é máis, polo feito de competir na casa e pola homenaxe que se lle fai a Magín Froiz, alguén que fixo moito polo ciclismo a nivel galego e estatal”. Portela augurou unha xornada “espectacular” e salientou a subida á Escusa como un dos grandes atractivos, lembrando que no seu día tamén acolleu unha etapa da Volta España.

Pola súa banda, Marga Caldas augurou que será “unha cita moi emotiva” pola lembranza na honra de Magín Froiz. Ademais, sinalou o “orgullo” que supón “acoller un evento desta magnitude nunha época na que o ciclismo é un dos deportes de referencia no concello, grazas aos éxitos do Súper Froiz e ao labor de formación que desenvolve o Poio Bike Club”. Por último, o alcalde Sobral pechou o acto agradecendo o interese da organización en elixir Poio para iniciar a Volta a Galicia e tamén salientou que este evento, ademais do seu atractivo a nivel deportivo, tamén “supón un reclamo moi importante desde o punto de vista da promoción e do turismo, xa que a xente poderá contemplar paraxes e paisaxes de gran beleza das que temos a sorte de poder gozar en Poio”.

Durante o día da proba desenvolverase un amplo operativo de seguridade, no que participarán a Garda Civil, a Policía Local e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. tembro, con saída neutralizada desde Combarro. A liña de meta situarase en San Xoán e os corredores cubrirán un total de 157 quilómetros, transitando por diferentes concellos da provincia de Pontevedra, antes de volver a Poio. Sobral e Caldas estiveron acompañados polo presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; o director da proba, Jacobo Ucha; o director do GD Supermercados Froiz, Evaristo Portela, e o presidente do Poio Bike Club, Francisco Albar.

Fonte: Concello de Poio 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es