Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O máster-30 Javier García imponse no autonómico; Diego Álvarez, Tajes e Prieto repiten títulos

03 DE JUNIO DE 2024

O corredor do Tríatlon Vilalba conseguiu a vitoria absoluta no Campionato de Galicia - Memorial Fernando Abad

cronica do campionato de galicia memorial fernando abad

O Campionato de Galicia Máster de fondo en estrada estivo a piques de presentar no 2024 o mesmo cadro de gañadores que no ano anterior. De impedir un pleno de repeticións encargouse o gañador absoluto este domingo en Sigüeiro, no concello de Oroso, do VII Memorial Fernando Abad. O máster-30 Javier García (Tríatlon Vilalba) foi o primeiro corredor en cruzar a liña de meta e adxudicouse por primeira vez un maillot autonómico que un ano máis recibiron o máster-40 Diego Álvarez (Aerodynamics), o máster-50 José María Tajes (Norinver) e o máster-60 Manuel Prieto (Norinver).

A carreira que percorreu os municipios coruñeses de Oroso, Ordes, Tordoia e Trazo disputouse sobre unha distancia de 70 quilómetros. Coa organización do Memorial Fernando Abad, o club Tambre Bike lembra a figura de quen foi o seu presidente e faleceu durante unha saída en bicicleta no ano 2015. Esta cita xa se trata dunha clásica do calendario e nesta ocasión tivo o aliciente extra de exercer de Campionato de Galicia. 

As dúas voltas ao circuíto de 35 quilómetros resolvéronse cun grupo de dez unidades xogándose na recta de meta a vitoria absoluta, así como as coroas autonómicas máster-30 e máster-40. Javier García, ao igual que aconteceu a pasada fin de semana no desenlace da Copa Galicia na Estrada, impuxo a súa punta de velocidade e cun tempo de 1 hora 47 minutos e 11 segundos ergueu os brazos por diante do máster-40 asturiano Javier Helguera (Guía Color). A terceira praza e ao mesmo tempo o título máster-40, por cuarto ano consecutivo, recaeron en Diego Álvarez. 

Neste esprint tamén obtiveron medallas do Campionato o cuarto clasificado, o máster-40 David Burgo (Bici Paixón); o sexto, o máster-30 Pablo Fernández (Cidade de Santiago), que defendía o cetro autonómico do seu grupo de idade; o sétimo, o máster-40 Gonzalo Vidal (Xesteiras); e o noveno, o máster-30 Gustavo Santiago (Ciclismo-Tríatlon Poio). Os outros tres compoñentes do grupo foron o asturiano Miguel Ángel Colunga (Lasal Cocinas - Craega) -quinto na táboa absoluta-, e os galegos máster-40 Ramón Troncoso (Norinver) e Juan José Bodelo (Compostelano), noveno e décimo, respectivamente. 

Máster-50 e 60

A nómina de campións de Galicia completouse coa chegada do pelotón a 1'22" dos escapados. José María Tajes, segundo nos máster-50 por detrás do asturiano Juan Manuel Toribio (Aerodynamics), colgouse a medalla de ouro da súa categoría por terceiro ano seguido. A de prata acadouna Vicente Alló (Chantadino) e a de bronce, Marcos Vale (Gráficas Lar). O Norinver sumou unha segunda camisola do Campionato por medio do máster-60 Manuel Prieto, a quen pertence ese maillot dende o 2019.

Os premio na cerimonia de podio entregáronos Alexandre Doval, alcalde de Oroso; Carlos Fernández, concelleiro de Deportes; Antonio Leira, deputado provincial de Deportes; Amancio Espiñeira, presidente do Tambre Bike, e outros directivos do club; ademais de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Contando coa presenza dos seus pais, o pelotón máster homenaxeou ao inesquecible Fernando Abad. 

 

PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA

Máster-30

1. Javier García López (Tríatlon Vilalba)

2. Pablo Fernández (Cidade de Santiago)

3. Gustavo Santiago (Ciclismo-Tríatlon Poio)

Máster-40

1. Diego Álvarez (Aerodynamics)

2. David Burgo (Bici Paixón)

3. Gonzalo Vidal (Xesteiras)

Máster-50

1. José María Tajes (Norinver)

2. Vicente Alló (Chantadino)

3. Marcos Vale (Gráficas Lar)

Máster-60

1. Manuel Prieto (Norinver)

Clasificacións

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es