Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A cuarta e derradeira etapa da Volta a Galicia finalizará en Pontevedra

12 DE SEPTIEMBRE DE 2023

A tirada do domingo ofrece un fermoso percorrido de 133,6 quilómetros con saída e chegada na Praza do Concello

A-cuarta-e-derradeira-etapa-da-Volta-a-Galicia-finalizara-en-Pontevedra

A Volta Ciclista a Galicia 2023 terá a súa última parada en Pontevedra. Saída e meta estarán situadas no municipio da Boa Vila, protagonista indiscutíbel ao igual que os deportistas que buscarán a gloria nos últimos quilómetros que lles queden por percorrer nesta cuarta e derradeira etapa.

A cita deportiva acada a súa 21ª edición e será celebrada entre o 14 e o 17 de setembro, sendo este último día no que Pontevedra e a súa comarca poidan gozar do máis alto nivel ciclista galego. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este martes a última etapa acompañado do presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, sinalando o incríbel que será ver a meta na Praza do Concello aplaudindo a todos os deportistas que a atravesen.

 

 

imagen

Até 16 equipos, 8 galegos —entre os que aparece o Grupo Deportivo Supermercados Froiz— e 8 chegados doutros puntos da Península, participarán nunha cita elevada como a máis importante do seu tipo dentro do territorio estatal. "Estamos encantados de recibir un evento deste tipo. Pontevedra é deporte, Pontevedra ama o deporte e estamos ante outro exemplo máis que permitirá ver o público da cidade entregado e aplaudindo", indicou o rexedor.

Muñiz destacou a beleza do percorrido, subliñando a importancia da colaboración do Concello de Pontevedra para a realización da proba. "Xa acabamos a volta do 2015 neste espazo e repetir é un luxo", sinalou. "Teño gratos recordos daquel día, un día fermosísimo que teño gravado na memoria".

Toda a información sobre a XXI Volta a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e pode atoparse nas redes sociais a través do cancelo #VoltaGalicia2023. 

Fonte: Concello de Pontevedra 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es