08 DE OCTUBRE DE 2024
Foto: Ayuntamiento de la Villa de Rascafría y Oteruelo del Valle
Un percorrido de 208 quilómetros con 4600 metros de desnivel positivo acumulado pola Sierra Norte da Comunidad de Madrid outorgou o pasado sábado os títulos do Campionato de España de Ultramaratón (XCUM). Neste desafío dúas galegas escoltaron no podio á gañadora elite ao finalizar segunda a betanceira Mar Delgado (Monteneme-Calvo) e terceira a viguesa Raquel Román (Bici Verde). Víctor Grau (Ría de Arousa), gañador máster-40A, e Jose Carlos Canosa, subcampión máster-30B, foron os outros bikers da nosa comunidade que pisaron o caixón.
Para colgarse a medalla de prata, Mar Delgado pedaleou durante 10 horas 55 minutos e 16 segundos, case media hora máis que a andaluza María del Pilar Fernández (Vas). Outros dous exercicios heroicos de resistencia asináronos Raquel Román, completando o percorrido en 11:28:05 como terceira clasificada, e a tamén galega Cecilia Abal (Ribadumia Bikescola), cuarta cun rexistro de 12:17:06. Ningunha outra elite conseguiu alcanzar a liña de meta de Rascafría.
Entre os máis rápidos da novena edición da Sierra Norte Bike Challenge estiveron dous elites da nosa comunidade. Guillermo García (Sabgal) fixo quinto na clasificación absoluta e cuarto na da súa categoría (8:24:30), rematando un posto por diante e con 4' de vantaxe respecto a Brandán Márquez (V Bikes). Ao corredor pontevedrés de estrada separárono 40" do bronce, que se adxudicou Noel Martín (Lasal Cocinas - Craega). As vitorias absoluta e elite conquistounas o castelanleonés Francisco Herrero (Flyz Rothar) cun tempo de 8:03:42. O top-10 da categoría raíña masculina pechouno Alberto Alanis (V Bikes) e Iván Belmonte (High Level - Gsport) terminou noveno nos sub-23.
Os grupos de idade Máster masculinos resolvéronse con dobre presenza galega no podio. Víctor Grau coroouse campión 40A (8:52:56) dunha clasificación na que Luis Alberto Guede (Burgas Bike) obtivo a décima posición. En canto aos 30B, Jose Carlos Canosa levouse o metal de prata logo de apuntarse o esprint pola segunda praza ante o andaluz Antonio Gutiérrez (Faster Wear). Ambos entraron na meta cando o reloxo marcaba 8:50:57, a máis de 20' do vencedor da súa categoría, o madrileño Amador Nieto (Pafgio). Neste mesmo grupo de idade, Sergio Mariño (Sanomedio) concluíu quinto, Gustavo Pérez (Sanomedio) acabou sétimo e Marcos Parga (Milagrosa), oitavo. Ás portas da medalla quedaron Juan Manuel Expósito (Milagrosa), cuarto nos máster-50A, e Constantino Arias (ADO Moure), cuarto nos máster-60B.
FORMACIÓN
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es