Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Brandán Márquez imponse no último desafío da Copa de España de Ultramaratón

25 DE OCTUBRE DE 2022

O elite vigués ratificou cun triunfo en Ejulve o segundo posto na xeral. Vitoria parcial e título para Juan Manuel Expósito nos máster-50, Jorge Abeal fixo terceiro nos máster-40

Brandan-Marquez-imponse-no-ultimo-desafio-da-Copa-de-Espana-de-Ultramaraton

Foto: RFEC

Recén chegado de Guatemala, onde afrontou un reto solidario da man de Social Ciclismo Fan Manager, Brandán Márquez despediu a Copa de España de Ultramaratón (XCUM) 2022 dende o máis alto do podio. O vigués do VBikes impúxose este sábado no XII BTT Masadas de Ejulve, na provincia de Teruel, e coa súa primeira vitoria da temporada no certame estatal ratificou o seu segundo posto na xeral. Outro triunfo galego asinouno o gañador do ranking máster-50 Juan Manuel Expósito (MTC Team) e Jorge Abeal (3AG) acadou a terceira praza nos máster-40. 

O cuarto e último desafío da Copa XCUM comezou ás 7:00 horas da mañá, o que obrigou aos participantes a portar luces frontais nas súas bicicletas porque aínda era noite pechada, e propuxo un percorrido durísimo, composto por 160 quilómetros e 4.500 metros de desnivel. A esixencia do trazado seleccionou de forma natural os grupos cabeceiros ata deixar unicamente á fronte a aqueles corredores con fortaleza suficiente para pelexar o triunfo. Na competición masculina, Brandán Márquez, o líder Raúl Castrillo (Velobur) e Álvaro Nieto distanciáronse do resto de bikers. 

Os tres primeiros da xeral elite mantivéronse xuntos ata os metros finais e Márquez, cun tempo de 9:49:15, conseguiu cruzar a liña de meta por diante do castelán-leonés Raúl Castrillo, que deste xeito certificou a súa vitoria na xeral, e o terceiro posto ocupouno o tamén castelán-leonés Nieto. A case 38 minutos dos primeiros entrou Alberto Alanís (Burgas Bike), sétimo na táboa absoluta e quinto entre os elites. 

Deste xeito, a Copa XCUM 2022 resolveuse con Castrillo como gañador con 730 puntos, Márquez sumou 670, Nieto completou o podio con 605 e Alanís clasificouse cuarto con 436. 

Masters

Entre os 22 fondistas que alcanzaron a meta de Ejulve houbo dous galegos máis. Juan Manuel Expósito tiña no peto o ranking máster-50 e rubricou o título co seu segundo triunfo parcial desta campaña no certame estatal. O corredor do MTC Team obtivo a 12ª praza absoluta na proba turolense e xusto por riba del, undécimo, finalizou o máster-40 Jorge Abeal, terceiro no seu grupo idade, mesma posición ata a que ascendeu na xeral.  

Máis información e clasificacións

Páxina web da Copa

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es