Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Susana Alonso apúntase o Ultramaratón Costa da Morte da Copa de España

18 DE JUNIO DE 2022

A mosense do Extol compartiu podio coa súa compañeira de equipo Teresa Barreira. Na categoría masculina, terceiro posto de Brandán Márquez e cuarto de Javier Busto.

Susana-Alonso-apuntase-o-Ultramaraton-Costa-da-Morte-da-Copa-de-Espana

O Ultramaratón BTT Costa da Morte estreouse este sábado no calendario da Copa de España cunha vitoria absoluta galega. Susana Alonso dominou entre as mulleres nos 151 quilómetros con inicio en final en Carballo. A mosense do Extol MTB compartiu podio coa súa compañeira de equipo Teresa Barreira, terceira, mesmo resultado que nos homes asinou Brandán Márquez (V Bike) entrando xusto por diante de Javier Busto (Extol). 

O Club Ciclista Monteneme deseñou un desafío de case 4.000 metros de desnivel positivo acumulado para exercer de anfitrión na segunda proba do certame estatal. O percorrido transcorreu principalmente pola comarca de Bergantiños e en menor medida pola de Terra de Soneira e Xallas, co seu espectacular paso pola Costa da Morte. Unha ruta con nove portos de montaña que a gañadora absoluta feminina Susana Alonso completou en 7 horas 40 minutos e 59 segundos. 

A elite mosense venceu con 4'31 de vantaxe respecto á asturiana Cristina Morán (Goros Bike), nova líder da Copa. Terceira rematou a pontenovesa Tere Barreira, a 22'36"da súa compañeira de equipo, un resultado co que se sitúa segunda na xeral. Eva Ortega, defendendo tamén as cores do Extol, clasificouse sexta. 

Emoción ata o final

Despois de 6 horas e 21 minutos de carreira, houbo que esperar ata os últimos metros para coñecer ao vencedor absoluto masculino. Catro bikers elite xogáronse a vitoria, dous deles galegos. O castelán-leonés Raúl Castrillo (Velobur) impúxose por 7" de vantaxe a Álvaro Nieto e a continuación entraron o vigués Brandán Márquez e o lalinense Javi Busto.

"Medalla de chocolate despois de saltarme un cruce a 1 km de meta e quedarme sen poder disputar a vitoria", escribiu o do Extol nas súas redes sociais, unha publicación na que tamén sinala que rodou escapado en solitario durante 50 km. O sexto posto na táboa absoluta, e o quinto na elite, correspondeu a Alberto Alanís (Burgas Bike).

Na xeral absoluta da Copa, Castrillo asaltou o primeiro posto, mentres que Márquez ascende á terceira praza e Busto, á cuarta. 

Casuso, vitoria e liderado

Outros dous galegos metéronse no top-10 da xornada. Manuel Casuso (Xesteiras) acabou sétimo e primeiro máster-30, unha vitoria que lle outorga a camisola de líder da Copa na súa categoría. Pola súa banda, o elite Yago Fernández (Extol) cruzou a liña de meta na décima posición, e o seguinte ultrafondista en concluír foi o representante do equipo organizador Alejandro González. O Monteneme conseguiu un podio nos máster-50 con Aurelio Campos, terceiro, e nesta categoría terminou segundo o tamén galego Juan Manuel Expósito (MTC), que se coloca primeiro na xeral. 

Tras o seu paso por Galicia, o certame estatal de XCUM regresará o 16 de xullo en Ejulve (Teruel) coa súa penúltima cita da temporada. 

Clasificación

GALERÍA DE FOTOS

Susana Alonso apúntase o Ultramaratón Costa da Morte da Copa de España
Susana Alonso apúntase o Ultramaratón Costa da Morte da Copa de España
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es