13 DE MARZO DE 2023
Fotos: RFEC
A segunda cita da Copa de España XCO Cofidis deixou os primeiros podios da temporada para o BTT galego no certame estatal de Cross Country Olímpico. Tres bikers da nosa comunidade pisaron este domingo o caixón no Gran Premio Ciudad de Valladolid BTT. Lorena Patiño (XSM) impúxose na carreira cadete, Pablo Rodríguez (BH Coloma Team) fixo terceiro na elite-sub23 e o máster-40 Jorgue Aguín (Moto Bike) vestiuse de líder do seu grupo de idade grazas ao segundo posto obtido no circuíto do Cerro de las Contiendas.
A marinense Lorena Patiño estreou con vitoria a súa camisola de campioa estatal no mesmo escenario onde a conquistou o pasado mes de xullo. A corredora do XSM irrompeu con forza na Copa XCO Cofidis tras perderse a primeira xornada o domingo anterior, cando optou por disputar a apertura do certame de estrada en Noja. Ao remate da primeira das dúas voltas xa manexaba unha diferenza de 45 segundos e a súa exhibición en solitario selouna vencendo por 1'13" respecto á valenciana Lidia Benedito (Cloot Factory).
Outro recital, pero neste caso colectivo ofreceu o equipo BH na proba raíña masculina. Nun percorrido marcado a sete voltas, os pupilos de Carlos Coloma saíron a polo triunfo desde o inicio, imprimindo un potente ritmo, que lles fixo distanciarse dos seus rivais. O macedao Pablo Rodríguez, o catalán Jofre Cullell e o andaluz David Valero colaboraron na cabeza da carreira, e baixando cunha enorme técnica o xa famoso rock garden valisoletano.
Non foi ata a sexta volta cando Valero e Cullell deixaron atrás a Rodríguez e fóronse directos cara á vitoria. Un man a man moi emocionante que acabou coa vitoria do xerundense na liña de meta sobre o campión de España. Rodríguez chegou terceiro a 1'39".
O terceiro podio galego en Valladolid tivo o premio extra da camisola de líder da Copa. O máster-40 grovense Jorge Aguín, cuarto na primeira xornada, só foi superado nesta ocasión polo arxentino Juan Manuel Nardolillo. O representante do Moto Bike cruzou a liña de meta a 1'53" do vixente campión panamericano e 8" por diante do navarro Patxi Cia (Faster Wear). Os 175 puntos sumados polo galego colócano á fronte do ranking cunha vantaxe de 32 sobre o manchego Juan Carlos Albertos (Ekuon).
Loitando entre os primeiros das súas carreiras tamén estiveron os juniors Alejandro García (Academia Postal-Abanca) e Tomás Pombo (Cortizo Padronés), cuarto e quinto entrando da man; as juniors Aroa Otero (Supermercados Froiz) -quinta-, Uxía Soto (Supermercados Froiz) -sétima-, e Marta Estévez (XSM) -novena-; e as elites Lara Lois (RG Bikes) e Irene Trabazo (XSM), sexta e novena respectivamente.
A Copa de España XCO continuará o 26 de marzo en Alpedrete (Comunidad de Madrid).
BTT
BTT
BTT
SELECCIÓNS
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es