Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Eva Ortega e Jorge Punzón lanzan a Copa Galicia XCO en Ferrol

20 DE MARZO DE 2023

Trece bikers vestíronse de líderes na xornada inaugural do certame autonómico de Cross Country Olímpico

Eva-Ortega-e-Jorge-Punzon-lanzan-a-Copa-Galicia-XCO-en-Ferrol

Fotos: Luz Iglesias

O calendario da Copa Galicia XCO tivo un inicio de dez. Coa décima edición do Trofeo BTT-Rallie Cidade de Ferrol botou a rodar este domingo un certame composto esta campaña por once eventos. No primeiro deles vestíronse de líderes trece bikers, unha nómina encabezada por Eva Ortega (Extol) e Jorge Punzón (Cosmos), gañadora e gañador das carreiras Elite-Sub23.

O circuíto de Brión, esixente tanto a nivel físico como técnico, recibiu a 200 participantes nunha proba na que o Club Ciclista Ferrol puxo de manifesto a súa experiencia como organizador. O prato forte da xornada, a competición Elite-Sub23 masculina, ofreceu unha mestura de sabores. O amargo púxollo Anxo Carril (Coruxo), o máis rápido na dúas primeiras voltas, que se viu lastrado por unha picada.

 

A explosiva posta en escena do sub23 Carril conseguiuna controlar o elite Punzón. O porriñés comezou o terceiro dos cinco xiros ao circuíto a 11 segundos do representante do Coruxo e unha vez que tomou o mando foi saboreando a súa doce vitoria. Impúxose cun rexistro de 1 hora 37 minutos e 22 segundos, avantaxando en 1’30” ao tamén elite Manuel Ángel Parada (Xesteiras) e o terceiro posto na táboa absoluta correspondeu a Carril, a quen o seu contratempo mecánico non lle impediu ser o primeiro sub23.

O picante na segunda e última quenda da mañá púxollo o gañador júnior Alejandro García (Academia Postal-Maceda). Saíndo dous minutos máis tarde que os elite-sub23, deulle tempo nas catro voltas que deu ao trazado ferrolán a adiantar a todos os corredores da carreira raíña agás a Punzón.

Entre as mulleres tamén destacou o rendemento dunha júnior. Marta Estévez (XSM) foi a primeira de todas as participantes en completar tres xiros ao circuíto, as voltas fixadas para a súa categoría. Unha máis tiveron que realizar as Elite-Sub23 e no cuarto parcial a elite Eva Ortega culminou a súa remonta respecto á sub23 Sofía Álvarez. A ciclista do Extol, que no primeiro paso por meta cedía 1’44” en relación á do Cambre, adiantouna logo de que soara a campá e rematou dominando por 1’19”. O terceiro posto elite-sub23 ocupouno a sub23 Aitana Carnota (Arteixo-MB3).

Nas outras sete categorías fixéronse cos triunfos, e ao mesmo tempos coas camisolas de líderes, Lara Pita (Cambre) e Mauro Vega (Coruxo) en cadetes, David Fernández (Narón) nos máster-30, Silvia García (Bici Verde) e Jorge Aguín (Moto Bike) nos máster-40, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50 e Carlos Gómez (Ourense Termal) nos máster-60. 

A cerimonia de podio contou coa presenza como autoridades de Pedro Ausín Carlos Vaquera, presidente do Club Ciclista Ferrol; de Carlos Vaquera, directivo da entidade organizadora; de José Oreona, presidente da Asociación de Veciños de Brión; e de David Carrillo, secretario da Federación Ciclismo Galego. A segunda xornada da Copa Galicia chegará o 9 de abril da man da Asociación Deportiva Avanza no circuíto da Forna, no Porriño. 

 

Toda a información deste certame pode seguirse na súa páxina web e nas redes sociais a través do hashtaga #CopaGaliciaXCO23. 

Clasificación da xornada

GALERÍA DE FOTOS

Eva Ortega e Jorge Punzón lanzan a Copa Galicia XCO en Ferrol
Eva Ortega e Jorge Punzón lanzan a Copa Galicia XCO en Ferrol
Eva Ortega e Jorge Punzón lanzan a Copa Galicia XCO en Ferrol
Eva Ortega e Jorge Punzón lanzan a Copa Galicia XCO en Ferrol
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es