Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Susana Alonso acada o mellor resultado absoluto do XCM galego na Lalín Bike Race

06 DE JUNIO DE 2023

A elite do Extol rematou segunda na cita dezá da Copa de España de Maratón. Tres masters da nosa comunidade subiron ao máis alto do podio

Susana-Alonso-acada-o-mellor-resultado-absoluto-do-XCM-galego-na-Lalin-Bike-Race

A Lalín Bike Race reactivou este domingo o calendario da Copa de España de Maratón, despois de case dous meses de paréntese. A segunda cita do certame estatal de XCM, e único evento desta competición que se celebra na nosa comunidade, propuxo un esixente trazado de 95 quilómetros e máis de 2.700 metros de desnivel acumulado para os homes, e de 80 km e 2.400 metros de desnivel para as mulleres. O Extol MTB Team e o Montes do Deza organizaron a sétima edición deste evento con epicentro en Lalín e precisamente unha corredora dun dos clubs anfitrións asinou o mellor resultado absoluto da 'armada galega'.

Susana Alonso rematou segunda entre as participantes femininas e ocupou ese mesmo posto na súa categoría. A elite do Extol completou o percorrido pola comarca do Deza en 4 horas 38 minutos e 59 segundos, a 4'14 da gañadora da VII Lalín Bike Race e líder da Copa de España, a neerlandesa Tessa Kortekaas (Tripasion), e con case 10' de vantaxe sobre a terceira clasificada, a asturiana Cristina Morán (Cangas de Onís). Este resultado permite á biker de Mos escalar unha praza na xeral e situarse terceira. 

O cuarto posto absoluto obtívoo Silvia García (Bici Verde), que se impuxo no grupo de idade máster-40. Entre as dez primeiras terminaron dúas galegas máis: Raquel Román (Bici Verde) fixo sexta na clasificación absoluta e cuarta na elite, e Cecilia Abal (Ribadumia) finalizou na décima posición e como quinta elite. 

Dúas vitorias masculinas e un liderado 

Os grupos de idade Máster tiveron en total a tres bikers de Galicia no chanzo máis alto. Un dos dous triunfos masculinos chegou acompañado do liderado na xeral. Daniel García Castaño (Xesteiras) apuntouse a vitoria nos máster-30, logo dun vibrante duelo con Esteban Sánchez (RG Bikes), e asaltou o primeiro posto do ranking. O corredor do conxunto de Cuntis, cun rexistro na meta de 4:37:00, bateu por 1'23" ao lalinense. Na táboa absoluta, dominada polo estremeño Manuel Cordero (Extremadura), quedaron décimo e duodécimo, e xusto a continuación clasificouse Brandán Márquez (V Bike) décimo terceiro, meténdose sétimo nos elites. 

A terceira vitoria galega protagonizouna Francisco Xavier López Cedrón (MTC) nos máster-50, por diante doutro representante do noso XCM como é José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras). Á colleita de podios autonómica hai que engadir o terceiro posto sub23 de Ignacio Casal (Extol) e a segunda praza de Pedro Luis Delgado (Ultreia) nos máster-60.

A Copa de España XCM continuará o 18 de xuño co seu terceiro maratón, o Desafío Rama Roja en Ramales de la Victoria (Cantabria). 

 

Máis información e clasificacións

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es