07 DE AGOSTO DE 2023
Fotos: Checho Iglesia
Pleno de vitorias para os portadores das camisolas da Copa Galicia XCM este domingo en Carral. Cos elites Diego Álvarez (V Bikes) e Susana Alonso (Extol MTB Team) acadando por segundo ano consecutivo os triunfos absolutos no desafío coruñés, un total de nove líderes repetiron éxito unha semana despois de que o certame autonómico para as e os fondistas do BTT arrancara en Viveiro. As clasificacións xerais do circuíto de maratóns coordinado pola Federación Ciclismo Galego resolveranse o 27 de agosto en Guitiriz.
O II BTT Carral XCM propuxo un percorrido de 60 quilómetros, con máis de 1.800 metros de desnivel positivo acumulado, polas pistas forestais e estradas dos concellos de Carral, Cambre, Culleredo, Abegondo, Ordes e Cerceda. Entre o pelotón da carreira da Copa Galicia e o da marcha cicloturista, máis de 150 bikers tomaron a saída nun evento que acumulou eloxios polo deseño do seu itinerario e polos servizos que ofreceu o Club BTT Carral como entidade organizadora.
Dos tres corredores elites que alcanzaron o treito final do maratón con opcións de anotarse a vitoria absoluta, dous pertencen ao V Bikes. Esa superioradade numérica non a desaproveitou o gañador sete días antes en Viveiro. O tudense Diego Álvarez volveu impoñerse por diante de Rubén Deaño (Ourense Termal), nesta ocasión cun tempo de 2 horas 52 minutos e 14 segundos e dun xeito máis axustado que na Mariña Lucense. Esta vez a diferenza entre os dous primeiros foi de 23 segundos. A terceira posición, a 1'40" do seu compañeiro de equipo, correspondeu a Brandán Márquez.
O líder sub23 Iván Belmonte (High Level) fíxose co cuarto posto absoluto tras chegar á liña de meta xunto ao elite Javi Busto (Extol) a máis de 6' do primeiro clasificado. A continuación, entraron tres masters que encabezan as xerais dos seus grupos de idade. O máster-30 Manuel Casuso (Xesteiras) rematou sexto, o máster-50 Francisco Xavier López Cedrón (MTC) ocupou a sétima praza e o máster-40 Diego Rey (Tambre Bike), a oitava. O cadro de vencedores masculinos completárono os líderes júnior Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) e máster-60 Pedro Delgado (Ultreia).
Novo 'dobrete'
En Carral coroáronse os mesmos gañadores absolutos que no 2022. No caso da competición feminina, o Extol MTB Team rubricou un 'dobrete' idéntico ao da Viveiro Bike Xtreme. A mosense Susana Alonso, cun rexistro de 3:39:39, chegou á meta 4'56" antes de que o fixera Eva Ortega. As dúas corredoras da formación do Deza distanciáronse amplamente do resto de corredoras. As tamén elites Cecilia Abal e Desiree Fernández, ambas do Ribadumia, obtiveron a terceira e a cuarta posición, respectivamente.
As outra tres finishers foron masters. A líder máster-30 Sofía da Silva (Extol) terminou quinta, batendo á biker do seu mesmo grupo de idade Carolina Díez (Policíal Local de A Coruña), e o sétimo posto de María Iglesias (Xtrembike) outorgoulle a primeira posición no ranking máster-40 da Copa Galicia.
Despois de dous domingos seguidos de carreiras, o certame autonómico de XCM descansa durante dúas semanas para regresar o 27 de agosto coa súa clausura, a VII Ruta BTTeiros Cova da Serpe en Guitiriz.
Toda a información sobre a Copa Galicia de Cross Coutry Maratón podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCM23.
BTT
BTT
SELECCIÓNS
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es