Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia máis kamikaze resolveuse no DH de Marín

24 DE OCTUBRE DE 2023

O elite Francisco Vilaboa e a cadete Arantxa Gómez marcaron os rexistros scratch. Javier Fernández apuntouse a xeral elite nun axustadísimo desenlace

A-Copa-Galicia-mais-kamikaze-resolveuse-no-DH-de-Marin

Fotos: Fotocarlosgrafías

A Copa Galicia de Descenso voou por última vez esta temporada o domingo en Marín. O DH Kamikazes, cuarta e definitiva cita do calendario, concretou a nómina de líderes finais, un total de trece riders. Nunha xornada na que o duelo máis apaixoante viviuse na loita polo ranking elite masculino, os rexistros scratch asináronos dous pilotos que non tiñan opcións reais de levarse as xerais das súas categorías, a cadete Arantxa Gómez (OsdoSacho) e o elite Francisco Vilaboa (Singletrack).

Despois de ter arrancado a finais de abril en Santiago de Compostela, e tras ter pasado por Verín e Pontevedra, o certame máis vertixinoso do BTT galego resolveuse nun evento que reuniu a un centenar de participantes. O tren de borrascas que leva circulando pola nosa comunidade dende mediados de mes fixo un alto para non interferir con chuvia no sensacional traballo realizado polo Club Deportivo Kamikazes para que a baixada estivera nas mellores condicións. Un bo fin de festa ao curso 2023 que se viu empanado polas caídas, entre elas a de líder elite Gemma Chapela (VK Bikes), que tivo que ser trasladada ao hospital. A ela e aos demais riders lesionados desexámoslles unha pronta e satisfactoria recuperación.

imagen

Máis que unha vitoria, o de Francisco Vilaboa foi un recital. Na final detivo o cronómetro en 2 minutos 14 segundos e 645 milésimas, distanciándose en case 8" do portugués Pedro Fernandez, segundo clasificado scratch e gañador sub23 cun tempo de 2:22,414. A terceira praza na táboa absoluta correspondeu ao elite Alejandro Vila (BMX Cromoly), a 9" do representante do Singletrack, en dura competencia con outro dos grandes triunfadores da xornada, o líder júnior Héctor Quinteiro (Pontebike), a quen bateu por 7 centésimas. 

O quinto posto tamén se decidiu por menos dun suspiro e nese pulso xogouse o título elite da Copa Galicia. Javier Fernández (Bicicletas Chinquena) chegou a Marín con 15 puntos de marxe sobre Sergio Peleteiro (Moto Bike) e resistiu no máis alto da xeral por 8 milésimas. O rider do conxunto verinés fixo 2:24,125 e o do pontevedrés 2:24,133. De tolos. 

imagen

No resto de categorías masculinas impuxéronse en Marín o castelán-leonés Fabián Ciria nos máster-30, Miguel Ángel Pintos (Coruxo) nos máster-40, Ricardo Escudero (Poio Bike) nos máster-50 e Rubén Temprano (Komanche) nos cadetes. Fóra do programa da Copa disputouse a proba de Enduro, sendo Jorge Pérez (Pontebike) o máis rápido, e a Infantil, con triunfo para Miguel Blanco (Pontebike).

Tampouco faltou a emoción na competición feminina. A cadete Arantxa Gómez, completando a baixada en 3:29,133, apuntouse o scratch con 2 segundos e 852 milésimas de vantaxe respecto á máster-40 Juana Vidal (Moto Bike). A líder cadete Alexia Santervas (A Forna) -a quen lle bastaba con rematar para adxudicarse a xeral da súa categoría- obtivo a terceira praza, cuarta concluíu a gañadora elite Desiree Fernández (Ribadumia) e quinta a tamén elite Alejandra Chapela (VK Bikes).

imagen

Trece líderes finais

A cerimonia de podio serviu para entregar os premios da xornada e as camisolas de líderes finais da Copa Galicia de Descenso 2023. Á fronte dos trece rankings do certame autonómico terminaron Alexia Santervas e Rubén Temprano en Cadetes, Héctor Quinteiro nos Júnior, Uxía Álvarez (Coruxo) e Zoe del Río (XSM) en Sub23, Gemma Chapela e Javier Fernández en Elite, Lorena Castro (VigoEnduro) e Manuel Baños (Bicicletas Chinquena) en Máster-30, Juana Vidal e Jose Montenegro (Motobike) en máster-40, e Ricardo Escudero en Máster-50. A clausura do evento e da temporada contou coa presenza de Antonio Traba e Antonio Caíña por parte do Concello de Marín, de Damián Castellano como presidente do club anfitrión e de Óscar Sánchez representando á Federación Ciclismo Galego.

Toda a información sobre o circuíto autonómico de DHI podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaDHI23. 

 

Clasificación

GALERÍA DE FOTOS

A Copa Galicia máis kamikaze resolveuse no DH de Marín
A Copa Galicia máis kamikaze resolveuse no DH de Marín
A Copa Galicia máis kamikaze resolveuse no DH de Marín
A Copa Galicia máis kamikaze resolveuse no DH de Marín
A Copa Galicia máis kamikaze resolveuse no DH de Marín
A Copa Galicia máis kamikaze resolveuse no DH de Marín
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es