Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Diego Álvarez gaña entre a chuvia no primeiro asalto da Transgalaica

26 DE FEBRERO DE 2024

A cita de Cerdedo-Cotobade estivo marcada polas modificacións que sufriu o percorrido debido á dura situación climatolóxica

Diego-alvarez-gana-entre-a-chuvia-no-primeiro-asalto-da-Transgalaica

Foto: Fotocarlosgrafías

A Transgalaica comezou no 2024 da mesma maneira que finalizou a edición de 2023, con Diego Álvarez (V Bikes Team) levándose o triunfo. O primeiro maratón deste ano, que se celebrou como é habitual sobre o chan do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, estivo marcado por factores externos que influíron no devir da proba. A situación climatolóxica adversa obrigou a que a carreira tivese que sufrir variacións e é que a intensa choiva que azoutou facía perigosa a disputa da competición, que finalmente levou a cabo pero cun recorte do percorrido.

Nos plans iniciais os participantes tiñan que dar dúas voltas a un percorrido de 31 quilómetros, pero a organización tomou a decisión de que se recortase a unha soa volta para non ter que recorrer á suspensión ou ao aprazamento, unha noticia que os participantes aceptaron e entenderon debido ao perigo que escondía o itinerario coa fronte de choiva e vento.

Con este recorte, a XIV edición da Transgalaica comezou da mesma maneira que finalizou a anterior. Se na última cita deste circuíto de maratóns de BTT Diego Álvarez, naquel momento Elite e na actualidade Máster-30, escribiu o seu nome na historia tras impoñerse nas cinco etapas da proba, este domingo volveu asinar unha vitoria, coma se o tempo non pasase desde maio de 2023 en Manzaneda.

Álvarez, que venceu cun tempo de 1h11:43, estivo acompañado no podio por Daniel García e Manuel Casuso, ambos do Club de Montaña Xesteiras. No cadro feminino a mellor da xornada foi a elite e sub-23 Raquel Román (Bici Verde C.C.) seguida por Rebeca Muíños (Xesteiras) e Cecilia Abal (Ribadumia). O seguinte asalto da Transgalaica 2024 chegará o 10 de marzo en Ames. 

Clasificación

Fonte: Diario de Pontevedra

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es