Facebook Twitter Youtube Instagram Español

David Fernández e Alba Arias conquistan o Campionato de Galicia de Enduro – Faro de Budiño

31 DE MARZO DE 2025

Nove riders fixéronse coas camisolas autonómicas na proba porriñesa

David-Fernandez-e-Alba-Arias-conquistan-o-Campionato-de-Galicia-de-Enduro-a��-Faro-de-Budino

Por unha marxe insignificante, menos de 2 décimas, decidiuse a coroa absoluta masculina este domingo no Campionato de Galicia de Enduro-Faro de Budiño. Nun duelo fratricida entre compañeiros de equipo do Avanza-O Porriño, o elite David Fernández bateu ao sub-23 André Martínez nunha apaixonante competición na que a diferenza entre o primeiro e o cuarto clasificado non chegou aos 3 segundos. A raíña entre as mulleres foi Alba Arias (Ciclos Quintena), estreándose como gañadora scratch na gran cita autonómica. En total, no concello pontevedrés do Porriño outorgáronse nove camisolas da Federación Ciclismo Galego.

Tal e como aconteceu no 2023, a Asociación Deportiva A Forna exerceu de anfitrioa do Campionato de Galicia. Baixo unha organización excelente, coidando todos os detalles, e cunha inscrición que superou os 150 riders, a xornada no Porriño foise quentando. Do frío matinal na saída dende o Templete Red de San Luis, pasouse a unha intensa calor no treito final da proba.

O percorrido de 28 quilómetros, atravesando as parroquias porriñesas de Budiño e Atios así como a da Picoña en Salceda de Caselas, incluía catro treitos cronometrados nos que se acumulaban 9 km. Os TC1 e o 2, especialmente o primeiro, eran técnicos e os dous restantes máis longos con subidas que se fixeron esixentes, sobre todo no último.  O terreo estaba moi seco, polo tanto, maior risco de perder o control da bicicleta e acabar bicando o chan.

imagen

Malia o completo que resultou o trazado, a igualdade foi máxima. O elite Nicolás Carrera (Coruxo) apuntouse o primeiro sector por diante de David Fernández e Andrés Martínez, segundo e terceiro separados por catro milésimas. O sub-23 do Avanza – O Porriño dominou no segundo sector e o elite, no terceiro. Este man a man entre tudenses e compañeiros de equipo resolveuse no derradeiro treito cronometrado con David Fernández asinando o tempo scratch por case 1 segundo de vantaxe respecto a André Martínez.

Cun rexistro de 10:53, 227, o elite da formación porriñesa acadou o título da súa categoría e sucede como rei do Enduro galego a Marco Veiga, ausente por problemas físicos. É a primeira vez que David Fernández logra a vitoria absoluta no Campionato de Galicia e conseguiuna na súa temporada de debut como elite. A segunda praza correspondeu ao vencedor sub-23 André Martínez cunha marca de 10:53,387. Terceiro rematou o novo campión máster-30 Mauro González (Salvaterra de Miño) -gañador do Enduro Faro de Budiño no 2023- cun acumulado de 10:54,910 e opcións de vitoria tamén mantivo ata o final o cuarto clasificado Héctor Quinteiro (Bici Verde – Bopapel), segundo entre os sub-23 cun tempo de 10:55, 659. O top-5 pechouno o bronce sub-23 Raúl Romero (A Forna), a 8 segundos da primeira praza scratch.

En todas as categorías masculinas, unicamente revalidou título o máster-40 José Manuel López Vaqueiro (VigoEnduro). A coroa júnior pertence agora a Leo Álvarez (Pulpeiros), a máster-50 a Marcos Valbuena (VK Bikes) e a máster-60 a Antonio Lago (X-Bikes). A proba cadete, que rexistrou un gran dato de participación e efectuouse a tres treitos cronometrados, dominouna Mario Barreiro (Cerdedo-Cotobade).

imagen

Vixente campioa de Galicia de Descenso, a elite Alba Arias encabezou por primeira vez a táboa absoluta feminina do Campionato de Galicia de Enduro. A corredora do Ciclos Quintena mediuse coa elite Desiree Fernández (RSBike) -vencedora hai dous anos en territorio porriñés- e protagonizou o mellor tempo nos catro parciais. A arteixá impúxose cun rexistro de 16:08, case 2 minutos e medio menos que a segunda clasificada.

Sen títulos do Campionato de Galicia tamén se disputaron as categorías E-Bike A, con vitoria masculina de Antonio Ferreiro (Coruxo) e feminina de Eva Castro (FCG); E-Bike B, con Germán Lemos (Tribu del Ñu como gañador; e a competición de Parellas que se adxudicaron Serafín Rodríguez e Pablo Vicente (Podium Team). A entrega de premios contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; representantes do club organizador; e o presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz.

PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA

ELITE F

1. Alba Arias (Ciclos Quintena)

2. Desiree Fernández (RSBike)

 

ELITE M

1. David Fernández (Avanza-O Porriño)

2. Kevin Méndez (Rocasport)

3. Óscar Costas (Pontebike)

 

SUB-23 M

1. André Martínez (Avanza-O Porriño)

2. Héctor Quinteiro (Bici Verde-Bo Papel)

3. Raúl Romero (A Forna)

 

JÚNIOR

1. Leo Álvarez (Pulpeiros)

2. Marco Riobo (Pulpeiros)

3. Manuel Domínguez (Bici Verde-Bo Papel)

 

MÁSTER-30

1. Mauro González (Salvaterra)

2. Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko)

3. Jose Romero (Pontebike)

 

MÁSTER-40

1. Jose Manuel López Vaqueiro (VigoEnduro)

2. Rubén Barreiro (Raposo)

3. Manuel Alejandro López (Cedeira)

 

MÁSTER-50

1. Marcos Balbuena (VK Bikes)

2. Jose Misa (Raposo)

3. Adolfo Gallego (Singletrack)

 

MÁSTER-60

1. Antonio Lago (X Bikes)

2. Francisco Javier Acevedo (Bici Verde)

3. Carlos Mariño (Komanche)

 

CADETE

1. Mario Barreiro (Cerdedo-Cotobade)

2. Miguel Blanco (A Forna)

3. Iván Álvarez (A Forna)

 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

David Fernández e Alba Arias conquistan o Campionato de Galicia de Enduro – Faro de Budiño
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es