22 DE SEPTIEMBRE DE 2025
Despois de 90 quilómetros de esforzo, de acumular 2.500 metros de desnivel positivo e de pedalear polos montes de oito concellos, o primeiro posto absoluto na estrea do XCM Condado-Paradanta decidiuse ao esprint este domingo nas Neves. A emoción mantívose ata o final tanto na carreira masculina como na feminina do Campionato de Galicia de BTT Maratón 2025. O máster-30 Diego Álvarez (Podium Team) e a elite Susana Alonso (Extol-Zambora.es) reinaron nun desafío no que só repetiu título un dos dez bikers que subiron ao máis alto do podio.
O evento organizado pola A.C.D. Sanomedio contou con 150 participantes e o seu percorrido con saída e chegada nas Neves atravesou outros sete municipios do sur da provincia de Pontevedra: Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Os altos de San Nomedio e o da Paradanta, ambos no primeiro terzo do trazado, eran as principais subidas desta ruta e antes de iniciar a segunda ascensión o tudense Diego Álvarez sufriu unha picada que estivo a punto de deixalo fóra de combate na busca do seu primeiro Campionato de Galicia de Cross Country Maratón.
"Menos mal que apareceu Brandán Márquez como anxo da agarda e axudoume", indicou o máster-30 do Podium Team, que malia chegar a perder preto de 3 minutos, conseguiu volver a conectar co grupo de cabeza. O corredor de Tui presentouse no treito final da proba xunto ao sub-23 Iván Belmonte (Equipo Cortizo) e os elites Saúl López (Academia Postal - Maceda) e Daniel García (Xesteiras). Este cuarteto mantívose unido ata as rúas das Neves, onde Diego Álvarez bateu nun axustado esprint ao pontevedrés Iván Belmonte. A 5 segundos dos dous primeiros entrou Daniel García, apuntándose o título elite por 14" de vantaxe respecto a Saúl López. O quinto clasificado absoluto, e terceiro elite, Brandán Márquez (V Bikes) rematou a case 6 minutos superando por 24" ao tamén elite Jorge Aguín (Supermercados Froiz).
O único biker que retivo a coroa autonómica lograda o ano pasado en Cuntis impúxose entre os máster-50 noutro vibrante desenlace. Antonio Rodríguez (Ourense Termal) dobregou a Francisco Xavier López (Milagrosa) nos metros finais. No resto de categorías proclamáronse novos campións de Galicia o júnior Santiago Otero (XSM), o máster-40 Manuel Casuso (Xesteiras) e -sobre unha distancia de 75 km- o máster-60 Carlos Gómez (Ourense Termal).
A incógnita de coñecer á raíña da primeira edición do XCM Condado-Paradanta tampouco se despexou ata os últimos quilómetros dos 75 que afrontaron as mulleres. A mosense Susana Alonso non se puido relaxar ata a liña de meta ante a ameaza da lalinense Tamara Seijas (Supermercados Froiz). A corredora do Extol-Zambora.es fíxose co triunfo por unha renda de 34" e nesta competida carreira concluíu terceira Raquel Román (Bici Verde), completando o podio elite a 2 minutos da gañadora. Rebeca Muñoz (Xesteiras) colgouse a medalla de ouro nas máster-40 e Noa Rodríguez (Creto Bikes), nas júniores.
Con este Campionato de Galicia activouse unha intensa fase do calendario para ciclistas que teñen como especialidade as longas distancias. O vindeiro domingo, 28 de setembro, o IV XCM Audi Selection Plus - Concello de Piñor, exercerá de segunda xornada puntuable da Copa Galicia, un certame que concluirá unha semana despois, o 5 de outubro, na XXI Marcha Costa da Morte coincidindo co II Gravel Costa da Morte, ou o que é o mesmo, co primeiro Campionato de Galicia de Gravel.
PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA
Júnior F
1. Noa Rodríguez (Creto Bikes)
2. Fátima González (Máis Que Bicis)
Júnior M
1. Santiago Otero (XSM)
2. Salvador Diéguez (Team Bike Outeiro de Rei)
3. Iker Palmeiro (Pulpeiros)
Sub-23 M
1. Iván Belmonte (Equipo Cortizo)
2. Iago Carou (Máster da Louriña)
3. Jorge Pérez (Avanza - O Porriño)
Elite F
1. Susana Alonso (Extol-Zambora.es)
2. Tamara Seijas (Supermercados Froiz)
3. Raquel Román (Bici Verde)
Elite M
1. Daniel García (Xesteiras)
2. Saúl López (Academia Postal - Maceda)
3. Brandán Márquez (V Bikes)
Máster-30 M
1. Diego Álvarzez (Podium Team)
2. Francisco Javier Vilas (Sanomedio)
3. Jose Carlos Canosa (Xesteiras)
Máster-40 F
1. Rebeca Muñoz (Xesteiras)
Máster-40 M
1. Manuel Casuso (Xesteiras)
2. Gonzalo Vidas (Xesteiras)
3. Uxío Canosa (Extol-Zambora.es)
Máster-50 M
1. Antonio Rodríguez (Ourense Termal)
2. Francisco Xavier López (Milagrosa)
3. Roberto Fontán (Norinver)
Máster-60 M
1. Carlos Gómez (Ourense Termal)
2 . José María Santos (Moto Bike)
3. Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas)
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es