Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Raquel Román e Daniel García adxudícanse a Marcha Costa da Morte e a Copa Galicia de XCM

06 DE OCTUBRE DE 2025

A elite do Bici Verde venceu cunha ampla vantaxe e o do Xesteiras bateu nos metros finais a Saúl López (Academia Postal - Maceda)

Raquel-Roman-e-Daniel-Garcia-adxudicanse-a-Marcha-Costa-da-Morte-e-a-Copa-Galicia-de-XCM

A maioría das clasificacións xerais da Copa Galicia de Cross Country Maratón (XCM) chegaron sen resolver á terceira e última proba da temporada, á Marcha Costa da Morte deste domingo en Carballo. Entre as incógnitas a despexar estaba quen lideraría finalmente os rankings Elite e as contas resultaron sinxelas tras os resultados rexistrados na clausura do certame. A viguesa Raquel Román (Bici Verde) e o catoirán Daniel García (Xesteiras) apuntáronse as vitorias absolutas e os títulos das súas categorías. 

O desafío organizado polo Club Ciclista Monteneme celebrou a súa XXI edición. Fíxoo como proba de nivel estatal e ofrecendo a alternativa da marcha cicloturista. O trazado para o pelotón de 72 bikers que se decantaron pola opción competitiva presentaba unha distancia de 70 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 1.731 metros. 

Desenlace ao esprint

Gañador en xuño do Xurés Bike Tour, a cita que abriu a Copa Galicia desta especialidade, Daniel García reencontrouse coa vitoria na Costa da Morte. O portador da camisola de líder elite tiña o triunfo na xeral garantido antes de esprintar nos últimos metros co seu acompañante Saúl López (Academia Postal-Maceda). Segundo nunha situación similar o domingo anterior no man a man con Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) en Piñor, o elite monfortino volveu quedar co mel nos beizos e esta vez non puido coa punta de velocidade do corredor do Xesteiras, vencedor absoluto cun tempo de 2 horas 50 minutos e 40 segundos. 

A 2' do dúo de cabeza terminou terceiro o líder sub-23 Iago Carou (Máster da Louriña) e, 7' máis tarde, a cuarta praza do máster-40 Uxío Canosa (Extol-Zambora.es) permitiulle asaltar o primeiro pasto da xeral do seu grupo de idade. Outro máster-40, Carlos Alberto Pérez (3AG), adxudicouse a quinta posición absoluta. No resto de categorías masculinas impuxéronse o júnior Santiago Otero (XSM), o máster-30 Julio Cabado (Friol) e o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal).

A clasificación elite feminina da Copa Galicia de BTT Maratón amosaba un empate a puntos no máis alto antes da Marcha Costa da Morte. Esa igualdade rachouse a prol de Raquel Román. A biker do Bici Verde acumulou unha ampla vantaxe respecto a Mar Delgado (Monteneme), a representante do equipo anfitrión que na véspera se colgara a medalla de bronce no Campionato de España de Ultramaratón en Navaluenga (Ávila). A gañadora, cunha marca de 3:38:43, distanciouse en media hora da súa perseguidora e adversaria polo título. A meta da Praza do Fórum tamén a alcanzaron a máster-40 Sofía da Silva (Extol-Zambora.es), a máster-30 Carolina Díez (Creto Bikes) e a júnior Nerea Suárez (Carballo), terceira, cuarta e quinta na táboa absoluta, respectivamente. 

Líderes finais

Cos puntos repartidos nas tres xornadas do certame autonómico de XCM, a nómina de líderes finais quedou composta Nerea Suárez e Santiago Otero en Júnior, Iago Carou en Sub-23, Raquel Román e Daniel García en Elite, Carolina Díez e Julio Cabado en Máster-30, Sofía da Silva e Uxío Canosa en Máster-40, Mónica Campagna e Antonio Rodríguez en Máster-50. En canto ao grupo de idade Máster-60, José Ramón López (Cambre) e Carlos Gómez (Ourense Termal) empataron no primeiro posto. 

A cerimonia de podio contou coa presenza de Juan Manuel Seoane Collazo, concelleiro delegado de Planificación Urbana, Policía e Mobilidade xunto ao presidente do Club Ciclista Monteneme, Víctor Gende, e o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz.

Toda a información sobre a Copa Galicia de BTT Maratón podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCM25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

Clasificacións 

 

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es