Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia XCM regresou en Piñor con vitorias de Ángel Maneiro e Lara Lois

30 DE SEPTIEMBRE DE 2025

O certame de BTT Maratón resólvese este domingo na Marcha Costa da Morte

A-Copa-Galicia-XCM-regresou-en-Pinor-con-vitorias-de-angel-Maneiro-e-Lara-Lois

Fotos: La Región / Ourense Termal, C.C.

Despois de case tres meses de paréntese, dous desafíos en dúas fins de semana consecutivas son o reto final da Copa Galicia de BTT Maratón. Como primeiro asalto desa dobre cita exerceu este domingo o IV XCM Audi Selection Plus - Concello de Piñor. A proba ourensá de 70 quilómetros, con 1.600 metros de desnivel positivo acumulado, brindou dous desenlaces moi distintos. Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) bateu nos metros finais a Saúl López (Academia Postal - Maceda) na pugna entre corredores elites polo primeiro posto masculino e Lara Lois (RG Bikes Scott) estivo a outro nivel respecto ao resto de competidoras entre as mulleres. 

O Ourense Termal reuniu a máis de 100 bikers entre os dous eventos que compartiron punto de saída e chegada en Piñor, a segunda xornada da Copa Galicia de XCM e a III BTT Ruta da Prata de cicloturismo. Tal e como acontecera o domingo anterior no XCM Condado-Paradanta, cos títulos do Campionato de Galicia en xogo, a emoción por coñecer ao gañador absoluto masculino mantívose ata a meta. De novo estivo metido na pelexa Saúl López. O monfortino, cuarto nas Neves, fixo esta vez segundo a 5 segundos do noiés Ángel Maneiro, vencedor cun tempo de 3 horas 9 minutos e 33 segundos.  

imagen

A terceira posición obtívoa o líder da xeral elite da Copa Galicia. Daniel García (Xesteiras), tras adxudicarse a comezos de xuño o Xurés Bike Tour, concluíu esta vez a 42" de Maneiro. Preto dos tres integrantes do podio estivo o tamén elite Brandán Márquez (V Bikes), cedendo 2' sobre o primeiro clasificado, e o top-5 completouno Estefan González (Academia Postal-Maceda), a máis de 7:30 do gañador. 

Iago Carou (Máster da Louriña) e Uxío Canosa (Extol-Zambora.es) terminaron xuntos na sexta e na sétima praza, respectivamente, logrando o triunfo sub-23 e o máster-40. No resto de categorías masculinas subiron ao chanzo máis alto o júnior Santiago Otero (XSM), o máster-30 Pablo Fernández (Aerodynamics), o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal) e o máster-60 Carlos Gómez (Ourense Termal).

O primeiro posto absoluto feminino acadouno por unha ampla diferenza Lara Lois. A elite grovense distanciouse en máis dun cuarto de hora de Mar Delgado (Monteneme-Calvo), nova líder da xeral elite empatada a puntos con Raquel Román (Bici Verde), terceira en Piñor. O premio e os puntos como vencedora máster-40 recibiunos Sofía da Silva (Extol-Zambora.es) 

imagen

Líderes

A falta dunha carreira puntuable, as clasificacións xerais do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego están comandadas por Santiago Otero en Júnior, Iago Carou en Sub-23, Mar Delgado e Daniel García en Elite, Darío Tubío (Toxo) en Máster-30, Sofía da Silva e Santiago Pérez (Sport Bike) en Máster-40, Mónica Campagna (Ancares Bike) e Antonio Rodríguez en Máster-50, e Carlos Gómez en Máster-60. 

A Copa de Galicia de XCM resolverase este domingo, día 5 de outubro, na XXI Marcha Costa da Morte. O prazo para apuntarse remata este mércores ás 23:59 horas. Fai click nesta ligazón para inscribirte

imagen

Toda a información sobre esta competición podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCM25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

Clasificacións 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es