12 DE ENERO DE 2026
As adversas condicións climatolóxicas impediron o ano pasado que se puidera disputar a 3H BTT Noia. Daquela decepción desquitouse este domingo o club organizador, a Peña Ciclista Toxo, recibindo a 166 bikers no circuíto do Polígono de Agualevada e exhibíndose cunha tripla na clasificación absoluta masculina. O elite Ángel Maneiro exerceu de líder da Copa Galicia BTT Resistencia na súa vila.
Gañador a fin de semana anterior en Lousame, o noiés volveu estar a outro nivel na segunda xornada puntuable do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego. Completou 10 voltas, cifra que ninguén máis alcanzou, para impoñerse neste evento tal e como fixera no 2023 e no 2024. Ángel Maneiro venceu por primeira vez en Noia coas cores do Toxo e comandou a tripla do seu novo equipo na clasificación absoluta masculina por diante do tamén elite Roberto Freire e terceiro fixo o sub-23 Iago Carou, ambos con nove pasos pola liña de meta.
O mesmo número de parciais completaron o júnior Manuel Souto (Xesteiras) e o máster-40 Jorge Abeal (3AG), cuarto e quinto absoluto respectivamente. Ao máis alto do podio subiron no resto de categorías masculinas o máster-30 Santiago García (Armenteira e Punto), o máster-50 José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) e o máster-60 Óscar Lorenzo (Bici Verde).
A raíña en Noia foi a máster-40 Olalla Duro, a primeira das cinco mulleres que asinaron seis voltas. A corredora do BTT O Treito avantaxou en en 5 minutos a outra biker do seu grupo de idade, a Tamara Santos (VK Bikes). A terceira mellor actuación protagonizouna a elite Patricia González (Ribadumia), mentres que a júnior Lía Rodríguez (Creto Bikes) finalizou cuarta e a máster-40 María Vanesa Oliveira (Os Aforcados MTB), quinta. No que respetacta á categoría Máster-50 apuntouse o triunfo Mónica Campagna (Ancara Bikes). A clasificación por equipos, na que se computan os resultados individuais femininos e masculinos, encabezouna o Toxo.
Parellas
Cristian Lapido (Vigués) e Pablo Rodríguez (Os Esfola Arrós) confirmaron no Polígono de Agualevada que son o dúo a bater no arranque da temporada de BTT Resistencia. Os líderes da Copa Galicia distanciáronse en 7' dos anfitrións Antonio Mato e Darío Tubío (Toxo) nun duelo a nove voltas. O terceiro chanzo do caixón, con oito xiros ao circuíto na súa conta, ocupárono Jesús Antonio Costa (Os Esfola Arrós) e Ángel Villanueva (Compostelano). Na outra competición de 3 horas por remudas, na mixta, Nerea Sánchez e Víctor Riveira (Xesteiras) sumaron oito parciais, un máis que o tándem local formado por Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo).
As categorías de parellas cadetes domináronas María Vázquez e Ramón Iglesias (Cambre), Aroa Ferreño e Andrea Paz (Esmelle), e Yago Millán e Teo Marques (Ribadumia).
Líderes
O vindeiro domingo estrearase no calendario da Copa Galicia a proba impulsada polo Armenteira e Punto. Á primeira edición da 3H Resistencia que terá lugar no concello pontevedrés de Meis chegarán como líderes Lía Rodríguez e Manuel Souto en Júnior, Noa Rodríguez (Creto Bikes) e Iago Carou en Sub-23, Patricia González e Ángel Maneiro en Elite, Amira Simón (Tríatlon Atlántico) e Santiago García en Máster-30, Tamara Santos e Jorge Abeal en Máster-40, Cristina Romero (Ribadumia) e José Manuel Gómez Bestilleiro en Máster-50, Óscar Lorenzo en Máster-60, Nerea Sánchez e Víctor Riveira nas parellas mixtas, Cristian Lapido e Pablo Rodríguez nas masculinas, Aroa Ferreño e Andrea Paz nos dúos cadetes femininos, María Vázquez e Ramón Iglesias nos cadetes mixtos, e Pedro Seoane e Izan Fernández (Cambre) nos cadetes masculinos.
Toda a información sobre a Copa Galicia BTT Resistencia podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST26
BTT
BTT
BTT
AVISOS
BTT
PROBAS DEPORTIVAS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es