Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Aida Valiño e Samuel Blanco dominan o autonómico de CRI

13 DE OCTUBRE DE 2020

Outros catorce corredores proclamáronse campións de Galicia de contra o reloxo individual en Baños de Molgas

Aida-Valino-e-Samuel-Blanco-dominan-o-autonomico-de-contra-o-reloxo-

Fotos: Miguel Borrás Vigo

Dous ciclistas elite reinaron no Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual (CRI) – Copa Deputación de Ourense disputado este luns na vila termal de Baños de Molgas. Aida Valiño (Máster da Louriña) marcou o mellor rexistro entre as mulleres e Samuel Blanco (Supermercados Froiz), nos homes. Outros catorce corredores fixéronse cos títulos autonómicos das súas categorías na cita organizada polo Club Ciclista ADO Moure e que reuniu a preto de 300 participantes.

Defendendo a coroa elite, Blanco marcou o tempo máis rápido da xornada. O redondelán do Supermercados Froiz percorreu os 13 quilómetros con inicio e final nos Milagres do Medo en 17 minutos e 10 segundos. O actual campión de España de fondo en estrada bateu na súa categoría por 1:08 a Aser Estévez (Oiense) e por 1:13, a Roberto Mediero (Máster da Louriña).

O segundo mellor rexistro entre os homes estableceuno Adrián Barros (Supermercados Froiz). O ciclista vigués logrou o ouro sub23 cun tempo de 17:49 e o seu equipo copou o podio con Aarón Mariño ocupando a segunda praza e Abel Franco selando o triplete da formación alimenticia.

Entre as mulleres Valiño non deu opción ao resto de corredoras. A lucense do Máster da Louriña venceu cun crono de 19:36, arrebatando a coroa elite por 1:33 de diferenza a María Jesús Barros (Spol). Barca Toba (Farto-Aguas do Paraño) rematou terceira na categoría raíña feminina.

O título sub23 non se lle escapou á gran favorita Carla Fernández (Río Miera). A viguesa tivo como principal adversaria a Zaida González (O Rosal), mentres que na pugna polo bronce impúxose Paula Faraldo (Vigués).

Juniors e cadetes

Unha das categorías máis igualadas foi a júnior masculina. Gianni Iannelli (Il Piccolo) rebaixou en 6 segundos o tempo de Martín Rey (Aluminios Cortizo) e en 9” o de Raúl Casalderrey (Farto-Aguas do Paraño). Pola súa banda, Sabela Rey (Farto-Aguas do Paraño) triunfou con solvencia nas juniors por diante da súa compañeira de equipo Claudia García e de Laura Teniente (Aluminios Cortizo).

A competición cadete tivo como dominador a Iago Carou (Barbanza), que estivo escoltado no podio por Iván Fernández (Bici Verde) e Javier Sanz (O Rosal), segundo e terceiro respectivamente. A proba feminina cadete resolveuse cun dobrete do Cambre. A vitoria foi para Sonia Domínguez e o segundo posto, para Sofía Álvarez. Laura Mira (Il Piccolo) concluíu terceira.

Masters

Dous dos seus títulos masters que se puxeron en xogo quedaron nas vitrinas do club anfitrión. O ADO Moure obtivo o campionato máster-50 grazas a Alfonso Fernández, con José María Tajes (Quintena) na segunda praza e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) terceiro, e nos máster-60 Ernesto Suárez superou a Manuel Prieto (Norinver) e a Julio Fernández (Bicis Oliveira).

Nos máster-30 Samuel García (Norinver) privou da vitoria ao Chantadino, que contou con Iago Alonso como segundo clasificado e con Daniel Guerreiro no terceiro chanzo do podio. En canto aos máster-40, Iván Vidal (Máster da Louriña) adxudicouse o primeiro posto mellorando os rexistros de Marcos Mayo (BTT O Treito) e de Faustino Puga (Bicis Oliveira).

As dúas categorías femininas de masters que se celebraron no circuito ourensán cambiaron de campioas respecto ao 2019.  Liza Caballero (Team Cabañas) subiu ao chanzo máis alto do caixón nas máster-40, con Montserrat Martínez (Oiense) colgándose a medalla de prata e Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas), a de bronce. A clasificación máster-40 tivo como primeira clasificada a Natalia Raña (Corbelo), con Cristina Molina (Vigués) segunda e Ana María González (Mitto) terceira.

Neste primeiro campionato de Galicia do 2020 tamén rodaron os paraciclistas Iván Montero e Mila López. Os dous corredores do Riazor aproveitaron para preparar a súa participación no Campionato de España de Ciclismo Adaptado que se disputará o vindeiro mes de novembro, e recolleron os seus maillots de campións autonómicos. A cerimonia de entrega de premios contou coa presenza de Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas; Carlos Moure, presidente do club organizador; e Óscar Sánchez, directivo da Federación Galega de Ciclismo.

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es