Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Dominio dos equipos coruñeses na Copa Galicia do Porvir de Carballo

30 DE MAYO DE 2023

O Cambre-Renault Caeiro e o Becani repartíronse as vitorias e as camisolas de líderes

Dominio-dos-equipos-coruneses-na-Copa-Galicia-do-Porvir-de-Carballo

Fotos: Becani / Cambre-Renault Caeiro / Carballo

O terceiro evento da Copa Galicia do Porvir tivo como protagonistas este sábado en Carballo aos pelotóns cadetes e ao júnior feminino. Na segunda xornada puntuable para estas tres categorías, dous equipos que competían na súa provincia acapararon as vitorias e as camisolas de líderes. As formacións coruñesas do Cambre-Renault Caeiro e o Becani acumularon éxitos. 

O Trofeo Concello de Carballo disputouse para as categorías da Copa Galicia do Porvir sobre unha distancia de 52 quilómetros. Neste percorrido pola localidade anfitrioa e a de Coristanco, Diego López foi o primeiro corredor en presentarse na recta final da Avenida da Milagrosa. O cadete do Cambre-Renault Caeiro adiantouse en 14" a un quinteto e o seu triunfo en solitario, cun tempo de 1:22:43, permitiulle desbancar do liderado na xeral ao portugués Jose Salgueiro, ausente nesta cita. O esprint pola segunda praza no grupo perseguidor dominouno Arón Lorenzo (Compostelano) por diante de Adrián Prieto (Emico & Erbi Bembibre). Xunto a eles remataron Mario Bouza (Esmelle), Adrián García (Compostelano) e o seu compañeiro de equipo Anxo Delgado. 

O Cambre-Renault Caeiro tamén subiu ao máis alto do podio nas cadetes. Alejandra Neira, que lucía o maillot de líder, venceu con moita solvencia despois de 1:24:49 dándolle aos pedais. A gañadora un mes antes en Boiro estivo esta vez escoltada no caixón por Nerea Suárez (Carballo) e Ivet Ivanova (Cambre-Renault Caeiro), segunda e terceira respectivamente.

En canto ás juniors, o Becani asinou unha tripla. Cando o reloxo marcaba 1.26:13 dende que se dera a saída, tres corredoras da escuadra de Betanzos cruzaron a liña de meta festexando a vitoria do conxunto que esta campaña estrea denominación. Andrea Prado entrou primeira e asaltou o trono da xeral grazas aos 150 puntos sumados na compaña de Lucía Ballester e de Xiana Camiña. Lara Fuentes (Cambre-Renault), que comezou a xornada como líder, concluíu cuarta a 2'10". 

A Copa Galicia do Porvir reunirá por primeira vez as súas catro categorías o sábado 17 de xuño na décima edición da Ruta do Albariño en Cambados. Toda a información sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir23. 

Escolas

A cita organizada polo Club Ciclista Carballo roldou os 200 participantes e completouse coas probas de Escolas. Nestes grupos de idade tampouco se lles escapou ningún triunfo aos equipos da provincia da Coruña: Iria Ruíz (Betanzos) e Javier López (Tríatlon Coruña) venceron en Promesas; Noa Amado (Cambre-Renault Caeiro) e Xoán Sande (Barbanza) en Principiantes; Estela Yáñez (Tríatlon Coruña) e Hugo Pita (Betanzos) en Alevíns; e Vega Aldrey (Cambre-Renault Caeiro) e Álvaro Cristobo (Carballo) en Infantís. 

O calendario de Escolas continuará o vindeiro sábado na localidade pontevedresa do Rosal. 

Clasificacións

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es