Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Padronés Cortizo sentencia as xerais da Copa Galicia Elite-Sub23 na estrea da Volta ao Baixo Miño

05 DE JUNIO DE 2023

O líder sub23 Martín Rey venceu en Oia por diante de Sinuhé Fernández, quen certificou matematicamente o seu triunfo na clasificación elite do certame autonómico

O-Padrones-Cortizo-sentencia-as-xerais-da-Copa-Galicia-Elite-Sub23-na-estrea-da-Volta-ao-Baixo-Mino

Foto: Francisco Eiro Correa

Suma e segue o Padronés Cortizo na Copa Galicia Elite-Sub23 de Estrada. Tras impoñerse en Padrón e en Betanzos, a formación que domina o certame autonómico non só ofreceu un recital na terceira e penúltima xornada, senón que se asegurou o triunfo nas dúas clasificacións xerais. O líder sub23 Martín Rey venceu en Oia, na estrea da Volta ao Baixo Miño, por diante do líder elite Sinuhé Fernández e doutros dous compañeiros de equipo. 

A primeira edición da proba organizada polo Team Oiense gardou un minuto de silencio antes de comezar a rodar para unirse á dor e condenar o crime machista que na véspera tivo lugar neste municipio pontevedrés. O percorrido de 125 quilómetros presentaba tres ascensións puntuables e dende a primeira, a de San Antoniño (3ª categoría), o Padronés Cortizo seleccionou a carreira. O día despois de asinar un 'dobrete' no Gran Premio Concello do Porriño-Campionato de Galicia, a formación coruñesa lanzou a súa ofensiva definitiva nas ramplas da subida de Mavia. Nese porto de 2ª atacou o arousán Martín Rey, que nos últimos 30 quilómetros protagonizou unha sorte de contra o reloxo individual.

Primeira vitoria

O líder sub23 da Copa Galicia tamén coroou en solitario o Alto da Cruz de Pau (1ª) e alcanzou a liña de meta en Oia con 14 segundos de vantaxe sobre Sinuhé Fernández, o que lle permitiu saborear nos metros finais o seu primeiro triunfo no campo amateur. A dureza do trazado provocou que os corredores foran rematando a contagotas. A 2 minutos do gañador, Ricardo Zurita e David Delgado rubricaron o póker do Padronés-Cortizo. Un top-5 monocor impediuno Asier González (Vigo-Rías Baixas), quinto a 3'21". 

A escuadra de Padrón levouse o resto dos premios que había en xogo na Volta ao Baixo Miño. Venceu por equipos, Martín Rey recolleu tres trofeos -Montaña, Sprint Especial e Mellor Galego- e Francisco Rus apuntouse a Meta Volante. 

En canto ás xerais da Copa Galicia, a falta da Domaio Heroica-Desafío Delio Fernández do 27 de agosto en Moaña, o asturiano Sinuhé Fernández xa é o gañador matemático da clasificación Elite e só Alejandro Paz pode desbancar ao seu compañeiro Martín Rey do máis alto do ranking Sub23. 

Toda a informacón sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada23 e na súa sección dentro da nosa páxina web

Clasificación

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es