12 DE JUNIO DE 2024
Foto: Julio González
A cuarta das sete probas puntuables para a Copa de España Féminas Cofidis tivo o pasado sábado en Navarra unha gañadora galega na categoría cadete. A santiaguesa Alejandra Neira conseguiu no VI Trofeo Femenino Ayuntamiento de Estella a súa primeira vitoria no certame estatal e apuntalou a súa condición de líder. A falta de tres carreiras, a corredora do Cambre comanda a xeral con 57 puntos de vantaxe.
Baixo unha intensa calor, que aos poucos foi desaparecendo para dar paso a un ceo nubrado e fortes ventos, as máis de 140 participantes cadetes comezaron a afrontar os 40'4 km do percorrido. Os primeiros movementos naufragaron debido á fortaleza coa que azoutaba o vento lateral, que complicaba notablemente saírse da disciplina do pelotón. Posteriormente, Candela Pérez e Marta Esteves conseguiron establecerse na cabeza de carreira e xuntas chegaron ata a subida do Alto de Igúzquiza cuns 20" de renda. Nas primeiras ramplas desta única ascensión da xornada, Lidia Castro decidiu cambiar o ritmo e á súa roda saíu a líder Alejandra Neira. A ciclista vallisoletana do Río Miera, segunda na xeral, terminou soltando tamén á galega para coroar a subida cuns 20" de vantaxe e uns 35" con respecto a un grupo con outras catro corredoras.
No descenso posterior, Neira impuxo a súa maior potencia para capturar a Castro e pouco despois entraron por detrás Carla Bañuls, Lluna Jiménez, Raquel Ortega e Ane Zubeldia, as integrantes do cuarteto perseguidor. As seis ciclistas atoparon un bo entendemento no tramo final e xuntas alcanzaron a recta de meta, onde se xogaron o triunfo ao sprint. Na chegada, Neira foi a máis rápida para facerse coa vitoria e aumentar a súa renda na xeral. Carla Buñuls finalizou na segunda praza, mentres que Ane Zubeldia foi a ciclista que ocupou a terceira posición.
A Copa de España Féminas Cofidis presenta dúas citas esta vindeira fin de semana. O sábado celébrase o III Trofeo Residencia Santa Ana de Abanilla na localidade murciana de Alcantarilla e o domingo será a quenda da IV Clàssica de l'Arròs no municipio valenciano de Sueca.
CARRETERA
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es