15 DE JULIO DE 2024
Fotos: RFEC
A tripla coroa cadete da temporada 2024 de Estrada é de Alejandra Neira. Unha semana despois de proclamarse campioa de España de contra o reloxo individual e de fondo, a santiaguesa do Cambre culminou este sábado o seu triunfo na xeral da Copa de España Féminas Cofidis. Un éxito no certame estatal que o ciclismo galego non conseguía dende o 2014, cando Irene Trabazo dominou a clasificación da mesma categoría.
Houbo que agardar dez anos para que unha corredora da nosa comunidade volvera recibir a camisola de gañadora final, un maillot que Alejandra Neira luciu dende a segunda xornada. A compostelá presentouse na sétima e última cita puntuable con 35 puntos de vantaxe respecto a Lidia Castro (Río Miera) e soubo controlar no Gran Premio Ayuntamiento de León á unica rival que podía desbancala do liderado.
As dúas primeiras na xeral movéronse no único porto de montaña que ofrecía o percorrido de 39 quilómetros. Xunto a elas saltou Carla Bañuls (Teika-Alé), a terceira no ranking da Copa, pero a falta de entendemento provocou que o pelotón as neutralizara. Neira centrouse na marcaxe a Castro e tanto a do Cambre como a do Río Miera non formaron parte do grupo de 30 unidades que se xogou a vitoria en León ao esprint. A súa punta de velociade impúxoa Adriana Vargas (Baix Ter) e dúas galegas entraron co seu mesmo tempo, Irene Signo (TenerifeBikePoint) e Lara Pita (Cambre), undécima e vixésimo quinta respectivamente.
Sen puntos xa por repartir, un segundo pelotón finalizou 1 minuto e 36 segundos máis tarde, con Neira entrando á roda de Castro no posto 37. Deste xeito, a santiaguesa obtivo o premio final a súa regularidade. Cunha vitoria e catro segundos postos, inscribiu o seu nome no palmarés da Copa de España Féminas Cofidis. Un inmellorable peche a nivel estatal da súa etapa como cadete.
SELECCIÓNS
CARRETERA
EVENTOS
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es