12 DE AGOSTO DE 2024
O Trofeo Festas do San Roque pechou este domingo coa súa oitava edición unha fin de semana completa de ciclismo de Estrada en Betanzos e tamén o calendario de tres categorías da Copa Galicia do Porvir. Ao día seguinte da clausura da Copa Galicia para corredores elite e sub23, preto de 250 ciclistas competiron nun evento que repartiu puntos do certame autonómico para cadetes e juniors. Irene Signo (TenerifeBikePoint), Adrián Prieto (Emico & Erbi Bembibre) e Xiana Camiña (Becani) conquistaron as camisolas de líderes finais, mentres na xeral xuvenil masculina rexistrouse un cambio no máis alto da táboa a falta dunha xornada puntuable.
O Club Ciclista Betanzos optou por unha data diferente á tradicional deste evento, a do 15 de agosto, para que cadetes e juniors saísen á estrada e non disputar unha carreira en circuíto. As categorías femininas afrontaron un percorrido de 45 quilómetros como cuarta e última cita da Copa Galicia do Porvir. A primeira en alcanzar a liña de meta despois de pedalear polos concellos de Abegondo, Cambre, Bergondo e Betanzos foi unha campioa de España. A cadete Alejandra Neira (Cambre) impúxose con 6 minutos e 17 segundos de vantaxe sobre a súa compañeira de equipo Inés Santalla. A líder Irene Signo rematou terceira e certificou o seu primeiro posto na xeral.
O triunfo entre as juniors correspondeu a unha ciclista do conxunto organizador. Xiana Camiña venceu con 49" respecto a Lara Fuentes, unha vitoria de dobre valor para a representante do Becani que adiantou na xeral á corredora do Cambre. Por dez puntos de diferenza fíxose coa camisola de líder da Copa Galicia do Porvir. O equipo local tamén celebrou a terceira posición de Uxía Gómez na liña de meta.
O terceiro gañador definitivo do certame autonómico conservou o maillot que luciu dende a primeira das catro probas puntuables. Adrián Prieto, sexto en Betanzos, anotouse a xeral cadete. Sergio Carbajales (Ciudad de Oviedo) dominou en solitario no trazado de 64 km, con 1'17" de marxe en relación ao cuarteto que o perseguiu sen éxito. Xián Alvariño (Lynalfa - Ponteareas) bateu no esprint polo segundo posto a Lucas Blanco (Cambre). Xunto a eles entraron Víctor Delgado (Emico & Erbi Bembibre) e Rodrigo García (Lynalfa - Ponteareas), cuarto e quinto respectivamente.
A distancia máis longa, 80 km, estivo reservada aos juniors. Catro ciclistas loitaron polo triunfo nos metros finais sendo o máis rápido Ignacio Manbrán (Stmvoltia) por diante de Henrique Ribeiro (Picusa). O podio completouno Lois de Jesús (Picusa) e este grupo pechouno Diego Souto (Padronés Cortizo). Formando parte do pelotón e como oitavo clasificado terminou Santiago Agüero (Stmvoltia), novo líder a falta dunha proba. O arxentino ten 23 puntos de vantaxe sobre Diego López (Picusa). O gañador final da única categoría da Copa Galicia do Porvir que falta por resolver coñecerase o vindeiro día 24 no Trofeo Júnior Carballo.
O Trofeo do San Roque tamén contou con competicións para escolas. En infantís subiron ao máis alto do caixón Vega Aldrey (Cambre) e Yoel Álvarzez (Sidra Menéndez), en alevíns Marta Martínez (Betanzos) e Guillermo González (Jamones Aljomar), en principiantes Iria Ruiz e Xoán Sande (Barbanza) e en promesas Helena Álvarez (PC Team Oviedo.es) e Marco Rodríguez (Estradense).
Toda a información sobre a Copa Galicia do Porvir podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir24.
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
FEDERACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es