Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Martín Rey acada o primeiro podio galego na Copa de España Elite e Sub-23 dende o 2017

09 DE MARZO DE 2025

O arousán do Padronés - Cortizo finalizou terceiro na Aiztondo Klasika

Martin-Rey-acada-o-primeiro-podio-galego-na-Copa-de-Espana-Elite-e-Sub-23-dende-o-2017

Foto: @ziklix_photo

Oito anos despois o noso ciclismo regresou ao podio da Copa de España Elite e Sub-23. Dende a segunda posición de Martín Lestido (Supermercados Froiz) no Trofeo Guerrita do 2017, ningún outro corredor galego subira ao caixón dunha das clásicas puntuables para o certame máis prestixioso do calendario estatal de estrada. Esa seca rematou onte co terceiro posto doutro Martín, neste caso Rey, na Aiztondo Klasika.

A carreira guipuscoana, segunda cita da Copa de España 2025, propuxo un trazado de 132,8 quilómetros que incluía oito ascensións ao alto de Aduna (0,8 km ao 7,1%), unha subida a Alkiza (4,5 km ao 5,6%) e outras dúas a Mendigain (3,1 km ao 5,6%). No treito final deste selectivo percorrido chegaron os ataques do corredores que se acabaron xogando a vitoria. O sub-23 arousán do Padronés-Cortizo foi o máis rápido dun trío que estivo a piques de botarlle a luva ao arxentino Fabrizio Crozzolo (Technosylva), segundo clasificado, e que finalizou a 8 segundos do murciano César Pérez (Finisher), gañador en solitario.  

Rey ascende na xeral dende a 22ª praza á quinta e sitúase como cuarto mellor sub-23. A seguinte proba puntuable, das once que compoñen o calendario, será o vindeiro domingo o Trofeo Guerrita nas estradas da Región de Murcia. 

Máis información

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es