18 DE MARZO DE 2025
Fotos: Club Ciclista Eo / Lázaro López Pillado
A primeira das cinco probas puntuables para a Copa Galicia Máster de Estrada 2025 mantivo a emoción ata o final. Catro corredores presentáronse destacados este domingo nos últimos metros do II Trofeo Máster Vila de Ribadeo e os brazos na liña de meta do Parque San Francisco ergueunos Gustavo Santiago (Ciclismo-Tríatlon Poio). O gañador o ano pasado da xeral máster-30 comezou de xeito inmellorable a súa defensa do título.
A segunda edición da carreira organizada polo Club Ciclista Eo e o Concello de Ribadeo ofreceu un percorrido de 77 quilómetros para o que se inscribiron 95 participantes. Con case 1 minuto de vantaxe, no treito final xogáronse a vitoria absoluta dous máster-30 e dous máster-40. Cun tempo de 1 hora 50 minutos e 50 segundos, Gustavo Santiago bateu ao vencedor máster-40 Manuel Carrelo (Aerodynamics). Terceiro fixo o máster-40 Saúl Torres (Norinver) e o grupo de cabeza pechouno Pablo Fernández (Cidade de Santiago).
O pelotón perseguidor fraccionouse na esixente chegada e comandouno o máster-40 Pablo Brandariz (Xesteiras) por diante do máster-30 Damián Ramos (Lasal Cocinas - Craega). Entre os máster-50 anotouse o triunfo no seu grupo de idade Rubén Rodríguez (Aerodynamics), con 2 segundos de marxe respecto a José María Tajes (Norinver) e Luis Alberto Paredes (Ciclismo-Tríatlon Poio), segundo e terceiro respectivamente. O premio da clasificación por equipos recollérono os ciclistas do Aerodynamics.
A Copa Galicia Máster non cambiará de provincia na súa segunda xornada. O 5 de abril repartiranse puntos na primeira etapa da Volta a Lugo Máster, unha tirada que terá como epicentro Escairón.
Toda a información sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaMáster25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
CARRETERA
FORMACIÓN
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es