Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Samuel García asina unha tripla na Challenge As Rías Baixas: Copa, Campionato CRI e xeral

05 DE MAYO DE 2025

O máster-40 Diego Álvarez, o 50 Javier González e o 60 Ernesto Ortiz conquistaron os outros títulos autonómicos de contra o reloxo

Samuel-Garcia-asina-unha-tripla-na-Challenge-As-Rias-Baixas-Copa-Campionato-CRI-e-xeral

A novena edición da Challenge As Rías Baixas tivo valor triplo. Ademais de competir polos premios da rolda que percorre as estradas do sur da provincia de Pontevedra, os corredores dos grupos de idade máster disputaron a terceira cita no calendario da Copa Galicia e o Campionato autonómico de contra o reloxo individual (CRI). Unha fin de semana cargada de alicientes que tivo como gran triunfador ao máster-30 Samuel García (Norinver).

O evento organizado polo Máster da Louriña reuniu a 135 participantes e arrancou o sábado pola mañá co Gran Premio Concello de Mos, puntuable para a Copa Galicia. Un grupo de sete unidades xogouse a vitoria na chegada ao Pazo de Mos e nun final que pica para arriba ergueu os brazos Samuel García. O ciclista do Norinver impúxose por diante do tamén máster-30 Pablo Fernández (Cidade de Santiago).

A terceira praza ocupouna o júnior Enrique Pérez (Teis), a cuarta posición e a vitoria máster-40 corresponderon a Diego Álvarez (Aerodynamics), quinto entrou o xuvenil Santiago Agüero (Voltia-Lvucus Avgusti), sexto fixo o máster-30 Gustavo Santiago (Ciclismo-Tríaton Poio) e sétimo rematou o máster-40 Saúl Torres (Norinver). Ao máis alto do podio máster-50 subiu o canario Óscar Negrete (Unidos por un reto-mola) e o primeiro posto nos 60 obtívoo Enrique Vázquez (Tambre Bike).

Os puntos que se repartiron para a Copa Galicia provocaron un cambio de líder na xeral. Samuel García encabeza agora a clasificación máster-30. As outras tres camisola continúan pertencendo a Saúl Torres nos 40, a Luis Alberto Paredes (Ciclismo-Tríatlon Poio) nos 50 e a Enrique Vázquez nos 60. A entrega de premios contou coa presenza de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; dos concelleiros José Ramilo e Felisa Rodríguez Carrera; de Juan Álvarez, presidente do Máster da Louriña; e de Óscar Sánchez, vicepresidente da Federación Ciclismo Galego.

imagen

O certame coordinado pola FCG alcanzará a súa cuarta e penúltima cita o 24 de maio no Concello da Estrada. Toda a información sobre a Copa Galicia Máster podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaMáster25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.

Campionato de Galicia Máster CRI

A Challenge As Rías Baixas trasladouse o sábado pola tarde a Ponteareas. O segundo sector do día exerceu de Campionato de Galicia Máster de CRI 2025 e estivo pasado por auga. Nun percorrido de 11 quilómetros pola capital da comarca do Condado, o mellor rexistro correspondeu a Samuel García. Cun tempo de de 15 minutos e 33 segundos, converteuse no gañador absoluto da 'crono, no novo campión máster-30 e reforzou a súa condición de líder da Challenge. 

A 9 segundos do ciclista do Norinver quedou Diego Álvarez, revalidando o título máster-40. Terceiro, a 18 segundos de Samuel García, clasificouse o subcampión máster-40 José Luis Lombao (Norinver), a cuarta posición e a medalla de prata máster-30 acadounas Pablo Fernández e o top-5 da contra o reloxo pechouno o júnior portugués Afonso Boas. 

As outras dúas coroas autonómicas conquistáronas Javier González (Chantadino) nos máster-50, con 6 segundos de marxe sobre Luis Alberto Paredes, e por cuarto ano consecutivo Ernesto Ortiz (ADO Moure) nos máster-60, batendo por menos de 1 segundo a Enrique Vázquez. O concello de Ponteareas estivo representado na cerimonia de podio polo tenente alcalde Juan Carlos González Carrera e por Nicolás Rodríguez, concelleiro de Deportes

Final no Porriño

Ao esprint concluíu o domingo a Challenge As Rías Baixas no Porriño. O máis rápido na recta de meta despois dun percorrido de 86 quilómetros, co Alto de San Cosme como único porto puntuable, foi o máster-40 Pablo Brandariz (Xesteiras), seguido polo tamén máster-40 Jose Ignacio Méndez (Aerodynamics) e polo máster-50 Juan Manuel Toribio (Aerodynamics), segundo e terceiro respectivamente. Samuel García mantivo o maillot amarelo e certificou a súa tripla. Entre as autoridades que asistiron á clausura do evento estivo Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño. 

 imagen

PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA 

MÁSTER-30

1. Samuel García (Norinver)

2. Pablo Fernández (Cidade de Santiago)

3. Lázaro López (Aerodynamics) 

 

MÁSTER-40

1. Diego Álvarez (Aerodynamics)

2. José Luis Lombao (Norinver)

3. Saúl Torres (Norinver)

 

MÁSTER-50

1. Javier González (Chantadino)

2. Luis Alberto Paredes (Ciclismo-Tríatlon Poio)

3. Teófilo Iglesias (De La Fuente)

 

MÁSTER-60

1. Ernesto Ortiz (ADO Moure)

2. Enrique Vázquez (Tambre Bike)

3. Jose Carlos Riol (ADO Moure)

 

Clasificacións 

 

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es