Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O pelotón feminino e o cadete masculino pugnan este domingo polos títulos autonómicos en Sanxenxo

06 DE SEPTIEMBRE DE 2025

Este dobre Campionato de Galicia de Estrada arranca ás 10:00 horas en Vilalonga coa carreira das mulleres

O-peloton-feminino-e-o-cadete-masculino-pugnan-este-domingo-polos-titulos-autonomicos-en-Sanxenxo

Varias das citas máis importantes da temporada para o ciclismo galego de Estrada sucédense durante o mes de setembro e a primeira delas chega este domingo en Sanxenxo. A turística localidade pontevedresa acolle un dobre Campionato autonómico. Con media ducia de coroas en xogo, todas as categorías femininas e a cadete masculina rodarán nun rápido e fermoso trazado.

A primeira das dúas carreiras será a das mulleres. Ás 10:00 horas comezarán a pedalear dende a Alameda de Vilalonga as corredoras Júnior, Sub-23, Elite e Máster. A distancia a completar alcanza os 48,6 quilómetros e o percorrido ofrece tres pasos pola liña de meta. No primeiro deles, uniranse as ciclistas cadetes ao pelotón feminino.

O itinerario da primeira volta non coincide co da segunda e a terceira. Os quilómetros iniciais transcorren pola Lanzada camiño de Montalbo e nos outros dous parciais a ese mesmo punto chégase a través de Aio. Os núcleos de Portonovo, Sanxenxo e a Vichona tamén forma parte dun circuíto con algunha subida curta, pero sen ningunha dificultade montañosa.

imagen

Á conclusión da competición feminina arrancará o pelotón cadete masculino, carreira fixada para as 12:00 horas e na que se repetirá a ruta de 48,6 km con saída e meta en Vilalonga. Entre todas as categorías reuniranse preto de 100 participantes. Este evento celebrouse o ano pasado noutro municipio pontevedrés, en Moaña, onde se fixeron cos títulos Alejandra Neira nas cadetes, Xiana Camiña nas júniores, Andrea Prado nas sub-23 e Carla Fernández nas elites, mentres que nos cadetes masculinos Anxo Delgado conquistara a camisola da Federación Ciclismo Galego.

O acto de presentación que tivo lugar na Praza Pública de Sanxenxo contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola; do presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; da directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda, así como dos concelleiros Yago Torres e Paz Lago.

Catro días despois deste Campionato porase en marcha a Volta a Galicia Elite e Sub-23 en Ribadumia, concello que comparte comarca con Sanxenxo. E a axenda do ciclismo autonómico en setembro, ademais de desfrutar dende este domingo do paso da Vuelta a España pola nosa comunidade, tamén ofrece o Campionato de Galicia para corredores júniores masculinos o domingo 21 na vila coruñesa de Noia.

Máis información

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es