Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Vendima triunfal de Carla Fernández e Samuel González na Copa Galicia de O Rosal

11 DE NOVIEMBRE DE 2023

A vitoria da corredora do Québici-Marcisport sitúaa como nova líder Elite

Vendima-triunfal-de-Carla-Fernandez-e-Samuel-Gonzalez-na-Copa-Galicia-do-Rosal

Fotos: Luz Iglesias

Volveu rodar a Copa Galicia de Ciclocrós despois de dúas fins de semana de paréntese e fíxoo con lama e entre vides no concello pontevedrés de O Rosal. O Trofeo Montes de Eiras celebrou este sábado as súas vodas de prata apostando por segundo ano consecutivo por un fermoso percorrido nas instalacións da adega Terras Gauda. A nova líder elite Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) e o invicto elite Samuel González (Máis Que Bicis) foron os que mellor vendimaron na terceira xornada puntuable do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG). 

A XXV edición do evento que organiza o Club Ciclista O Rosal superou os 250 inscritos e, obviamente, non faltou o barro. As incesantes chuvias do último mes están aumentando a esixencia de todos os circuítos, o que nin moito menos desagrada aos especialistas do noso ciclocrós. Un deles, o vigués Samuel González, viña de conseguir a fin de semana anterior un notable quinto posto na Copa de España de Karrantza, en Euskadi, e o seu estado de forma aproveitouno para sumar o seu terceiro triunfo noutras tantas citas que se levan disputado ata o momento na Copa Galicia 2023. 

imagen

Do mesmo xeito que en Betanzos e en Ferrol, o elite do Máis Que Bici venceu en solitario. As cinco voltas polos viñedos de Terras Gauda completounas en 1 hora 1 minuto e 19 segundos, avantaxando en 1'19 a Xavier Meizoso (Narón) e en 2'25 a Luis Fernández Oliveira (Avanza- O Porriño). Cuarto finalizou o vencedor sub23 e novo líder no seu grupo de idade Brais Fernández (Academia Postal - Maceda) e o top-5 absoluto pechouno o tamén sub23 Ricardo Buba (High Level - Gsport).

Compartindo quenda coa competición raíña masculina, a proba júnior mantivo a emoción por coñecer ao gañador ata os últimos metros e o líder da xeral Martín Díaz (Caimanes Betanzos) acabou dobregando a Antonio Casal (Cambre). Anteriormente, e despois de que o programa desta xornada arrancara coa carreira de Promoción infantil, tamén se viviu un vibrante desenlace nos cadetes con Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) logrando o triunfo por diante do líder Lucas Lozano (XSM). 

Premio dobre

 Impoñéndose con claridade tal e como fixera no circuíto ferrolán de Esmelle, a viguesa Carla Fernández obtivo en O Rosal o premio extra da camisola de líder Elite. A representante do QuéBici-Marcisport realizou as tres voltas ao trazado entre viñedos en 45'34. A liña de meta cruzouna 2'21 máis tarde Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) como primeira sub23 e a terceira praza absoluta correspondeu a María Jesús Barros (Supermercados Froiz) decantando ao seu favor o duelo entre corredoras elites con Iria Nieto (Compostelano-Muebles Compostela). A sub23 Vania Gregores (Lynalfa-Ponteareas) rematou quinta.

imagen

A ciclista que lucía a camisola de líder Elite, Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), asinou o sexto posto. O mesmo número de voltas deron as juniors, categoría na que dominou Iris Fernández (Academia Postal - Maceda) e Sara Peón (XSM), segunda, segue no máis alto da xeral. En canto ás outras dúas categorías femininas, apuntalaron con vitorias os seus liderados a cadete Alejandra Neira (Cambre) e a máster-40 Rocío Blanco (A Forna).

A tarde estaba reservada para as carreiras Máster masculinas. O equipo Rompe Trilhos de Portugal defendía tres maillots da Copa e rubricou un pleno de triunfos: Augusto Midao nos máster-30, Rogerio Matos nos 40 e Antonio Passos nos 50. No outro grupo de idade máster, nos 60, Antonio González (Salvaterra de Miño) bateu ao líder Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas).

imagen

A Copa Galicia continúa este domingo, dende as 9:30 horas, na provincia de Pontevedra co II Trofeo Ciclocrós Concelle de A Cañiza. Toda a información sobre este certame autonómico podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX23.

Clasificacións

 

GALERÍA DE FOTOS

Vendima triunfal de Carla Fernández e Samuel González na Copa Galicia de O Rosal
Vendima triunfal de Carla Fernández e Samuel González na Copa Galicia de O Rosal
Vendima triunfal de Carla Fernández e Samuel González na Copa Galicia de O Rosal
Vendima triunfal de Carla Fernández e Samuel González na Copa Galicia de O Rosal
Vendima triunfal de Carla Fernández e Samuel González na Copa Galicia de O Rosal
Vendima triunfal de Carla Fernández e Samuel González na Copa Galicia de O Rosal
Vendima triunfal de Carla Fernández e Samuel González na Copa Galicia de O Rosal
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es