16 DE DICIEMBRE DE 2023
Fotos: RFEC
A fin de semana decisiva da Copa de España de Ciclocrós 2023 comezou este sábado en Xàtiva cun título para o noso CX. A marinense Lorena Patiño (XSM) superou á porriñesa Aroa Otero (Supermercados Froiz) no duelo pola vitoria júnior e proclamouse gañadora matemática do certame estatal. A camisola de líder tamén a lucirá este domingo en Valencia a elite Irene Trabazo (XSM) logo de salvar unha situación límite como primeira da xeral. A Selección de Galicia, composta por catorce promesas, estivo a piques de subir ao podio na carreira cadete con Aleandra Neira.
O décimo quinto triunfo consecutivo de Lorena Patiño na Copa de España desta especialidade chegou no Ciclocross Internacional Ciutat de Xàtiva. A gañadora o ano pasado da xeral cadete abriu oco xunto a Aroa Otero antes de marcharse en solitario na segunda das seis voltas ao circuíto valenciano. A marinense ergueu os brazos con 11 segundos de marxe sobre a corredora de O Porriño e, deste xeito, sentenciou matematicamente a xeral a falta dunha xornada. A súa compañeira de equipo Marta Estévez rematou quinta a 14" da terceira clasificada, da vasca Irati Aranguren (Andoaingo).
O XSM buscará outra coroa este domingo en Valencia na categoría raíña. Irene Trabazo mantivo a camisola de líder Elite/Sub-23 malia ter que conformase coa novena praza en Xàtiva. A favor da marinense, que se presentou nesta penúltima cita do calendario con 12 puntos de vantaxe, xogou o desenlace ao esprint que se viviu pola vitoria. Catro ciclocrositas pugnaron polo triunfo nos metros finais e Lucía González (Nesta-MMR), a segunda clasificada na xeral, fixo cuarta nun grupo de catro. A máis rápida foi Alba Teruel (Laboral Kutxa).
Trabazo segue á fronte da táboa, aínda que seriamente ameazada pola vixente campioa de España. A renda da galega respecto a Lucía González é de 5 puntos. A outra elite con opcións de levarse a xeral é a valenciana Sofía Rodríguez (Nesta-MMR), a 12 puntos do liderado.
Na recta final tamén se decidiron os dous acompañantes no caixón de Felipe Orts (Bugos BH), o vencedor Elite/Sub-23 en solitario. Con seis especialistas pelexando por dúas prazas, Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) asinou a quinta posición absoluta, sendo o segundo mellor sub-23. O ponteareán continúa segundo entre os corredores do seu grupo de idade na xeral, a 9 puntos do portador da camisola de mellor sub-23, de Raúl Mira (AM Sonido).
En canto á representación galega nas carreiras Máster, o mellor resultado obtívoo José Manuel Comesaña (Monteferro), décimo nos 50.
Selección de Galicia
A penúltima proba da Copa de España supuxo a estrea esta temporada da Selección de Galicia de Ciclocrós. O combinado dirixido por Alberto del Río participou en tres probas e na cadete feminina rozou o podio. A santiaguesa Alejandra Neira protagonizou un man a man polo terceiro posto con Martina Pellicer que se apuntou ao esprint a representante da Selección de Catalunya. Xiana Seijo (13ª), Alba Gregores (15ª) e Lara Pita (22ª) tamén luciron as cores da Federación Ciclismo Galego (FCG) nesta carreira.
Xián Alvariño, décimo, e Rodrigo García, duodécimo, encabezaron a actuación da Selección de Breogán nos cadetes. No seu mesmo grupo concluíu Pedro Liaño (16º), mentres que Xian Rodríguez (Cortizo) clasificouse 20º, Lucas Lozano 29º e Lucas Blanco 31º.
Os maiores desta expedición da FCG son os juniors, categoría na que Antonio Casal acadou o mellor resultado galego, a décimo sétima posición. A continuación finalizaron Xoel Cidrás (XSM) 19º, Darío Buceta 20º, Santiago Otero (XSM) 22º, Martín Díaz 24º, Raúl Puelles 25º e Nicolás Fernández 26º.
A Copa de España trasládase este domingo á capital da provincia para poñer o broche ao seu calendario no XXVI Ciclocross Internacional Ciudad de Valencia.
FORMACIÓN
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es