Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Ponteareas estreará circuíto de ciclocrós no Campionato de Galicia

20 DE DICIEMBRE DE 2024

A Freixa acollerá o 4 de xaneiro o evento no que se poñen en xogo as coroas autonómicas

Ponteareas-estreara-circuito-de-ciclocros-no-Campionato-de-Galicia

Ambiente de Nadal para presentar o primeiro gran evento do ciclismo galego no 2025. A nave de Aceros del Tea, onde se celebra o mercado de Nadal de Mercatea, foi o escenario elixido para activar a conta atrás de cara ao Campionato de Galicia de Ciclocrós, do que se encargará o sábado 4 de xaneiro o Lynalfa-Ponteareas-Escola Borja Gómez Méndez. As coroas autonómicas disputaranse nun circuíto inédito e que promete espectáculo. 

A área recreativa da Freixa estrearase como trazado dunha competición de ciclocrós. Deste xeito, o histórico club ponteareán achega a súa cita de CX ao núcleo urbano da súa vila despois de que a última edición tivera lugar no parque da Bouza Vella, na parroquia de Areas. Os detalles sobre o novo percorrido, rápido e esixente, e coa liña de meta situada no interior do campo de fútbol de Pardellas ofreceunos Manuel Gregores, presidente da entidade organizadora. O Campionato arrancará ás 10:00 horas e o programa da xornada conta con proba inclusiva. 

imagen

A alcaldesa Nava Castro subiu posteriormente ao escenario para amosar o seu orgullo pola boa saúde da que goza o ciclismo en Ponteareas. Ricardo González, concelleiro de Comercio, e Óscar Sánchez, vicepresidente da Federación Ciclismo Galego, foron outras das autoridades presentes nun acto que tamén serviu para presentar ás diferentes categorías do equipo de ciclocrós do Lynalfa-Ponteareas. No seu último día de adestramento antes das vacacións de Nadal, asistiron como público as rapazas, os rapaces e os monitores da escola que ten como padriño ao corredor elite, Borja Gómez Méndez, símbolo do deporte inclusivo. A festa concluíu con chocolatada e rosquillas. 

imagen

As inscricións para o Campionato de Galicia abriranse a vindeira semana e pecharanse o 2 de xaneiro. Fai click nesta ligazón para acceder á páxina oficial da proba e anotarte. Para atopar a información deste evento nas redes sociais emprega o cancelo #CampionatoCX25.

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es