29 DE DICIEMBRE DE 2024
Fotos: Luz Iglesias
A Copa Galicia correspondente á temporada do Campionato de Europa en Pontevedra concluíu este sábado sen ningún cambio de líder na súa décima e última xornada. O Ciclocrós Concello de Nigrán - ZFV Porto do Molle baixou o pano, por segundo ano consecutivo, do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego e volveu ter como gañador da carreira elite e sub-23 masculina ao corredor local Anxo Carril. O Supermercados Froiz tamén se apuntou a vitoria absoluta feminina por medio de Aroa Otero.
A cuarta edición da cita organizada polo Club Ciclista Coruxo, en colaboración co Concello de Nigrán e a Zona Franca de Vigo, alcanzou unha inscrición de 254 participantes e celebrouse con bastante máis frío que lama no circuíto de Porto do Molle. Se no 2023 o nigranés Anxo Carril acadou o triunfo coas cores do equipo anfitrión, na que fora a súa despedida do club vigués, esta vez foi profeta na súa terra coas do Supermercados Froiz. Terceiro o pasado domingo en Maceda, o sub-23 miñorano estreou a súa conta de vitorias absolutas desta temporada batendo nos últimos metros ao elite Saúl López (Academia Postal - Maceda). A historia repetiuse para o monfortino, de novo segundo nun axustado desenlace por segunda xornada consecutiva.
O elite Samuel González (Máis Que Bicis), gañador en Maceda, obtivo a terceira posición a 1 minuto e 10 segundos de Anxo Carril, 41" máis tarde rematou o líder elite Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) e o portugués Bruno Silva pechou o top-5. Martín Díaz (XSM), sexto clasificado, superou ao esprint a David Fernández (Avanza - O Porriño), pero non conseguiu desbancar do máis alto da táboa sub-23 a Ricardo Buba (High Level - Gsport) -que acabou oitavo- malia que quedaron empatados a puntos.
O triunfo júnior tamén o conquistou un corredor que aproveitou ao máximo a súa condición de local. Diego Valladar (Coruxo) ergueu os brazos diante de Néstor Frías (Academia Postal - Maceda), a quen a segunda praza bastoulle para adxudicarse a xeral. No resto de categorías masculinas, o Lynalfa Ponteareas dominou nos infantís con Mateo Hermida e nos cadetes con Aarón Rodríguez; nos máster-30, nos 50 e nos 60 certificaron con vitorias os seus liderados Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos), Eloy Otero (In Situ) e Darío Buceta (Farto); e nos máster-40 Ángel Vilanova (Compostelano) decantou ao seu favor na recta de meta o man a man con José Rodríguez 'Tamy' (Norinver).
A quenda feminina ofreceu unha competición elite e sub-23 moi similar á de Maceda. As dúas sub-23 porriñesas, Aroa Otero (Supermercados Froiz) e Laura Mira (Farto), volveron abrir oco respecto ás outras corredoras e, do mesmo xeito que no circuíto ourensán, impúxose a representante da formación alimentaria. A diferenza final na segunda vitoria absoluta de Otero foi de 25". Carla Fernández (QuéBici-Marcisport) entrou terceira, a 49", e subiu ao chanzo máis alto do podio elite. O cuarto e o quinto posto ocupáronos, respectivamente, as sub-23 Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) e Uxía Soto (Extol-Zambora.es). A sexta posición de Iria Nieto (Team Oiense) serviulle para selar o título elite da Copa.
A outra clasificación xeral de mulleres que non estaba resolta matematicamente era a cadete. A líder Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) non permitiu que saltara a sorpresa e ademais anotouse o triunfo. A infantil Marta Utrera (Armenteira e Punto), a júnior Xiana Coira (Cambre) e a máster-40 Marina González (Illas Cíes) completaron a nómina de gañadoras en Nigrán.
Líderes finais
Despois de percorrer as catro provincias da comunidade en dous meses e medio, a última Copa Galicia do 2024 festexou a súa clausura. As dezaseis camisolas de líderes finais pertencen definitivamente a Clara Pintos (Lynalfa Ponteareas) e Mateo Hermida en Infantil, a Xiana Seijo e Guillermo García (Avanza - O Porriño) en Cadete, a Alba Gregores (Lynalfa-Ponteareas) e Néstor Frías en Júnior, a Uxía Soto e Ricardo Buba en Sub-23, a Iria Nieto e Luis Fernández Oliveira en Elite, a Aquiles Sordo en Máster-30, a Marina González e Andrés Calvete (Monte Xalo) en Máster-40, a María Sonsoles González (In Situ) e Eloy Otero en Máster-50 e a Darío Buceta en Máster-60. O trofeo de mellor club do certame autonómico recibiuno o Lynalfa-Ponteareas, primeiro tamén por equipos en Porto do Molle.
Precisamente, a entidade ponteareá exercerá de anfitrioa o vindeiro sábado no Campionato de Galicia. Un evento que no 2025 non despedirá a temporada de ciclocrós en territorio galego porque a seguinte semana, a partir do día 10, As Pontes será a sede do Campionato de España.
Toda a información da Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes socias podes atopala a través do cancelo #CopaGaliciaCX.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es