Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Gustavo César Veloso, convidado de excepción á Xornada de Formación FCG para cadetes en Ribadumia

08 DE MAYO DE 2023

O director deportivo do Tavfer - Ovos Matinados - Mortágua mantivo un coloquio coa vintena de rapaces convocados pola Federación Ciclismo Galego

Gustavo-Cesar-Veloso-convidado-de-excepcion-a-Xornada-de-Formacion-FCG-para-cadetes-en-Ribadumia

As Xornadas de Formación da Federación Ciclismo Galego (FCG) non se limitan a un adestramento en grupo. Sirva como exemplo o vivido  este sábado en Ribadumia polos cadetes de estrada. Ademais de compartir unha sesión sobre o asfalto, os rapaces convocados polo seleccionador autonómico Jacobo Ucha recibiron consellos de mecánica e a visita dun convidado de excepción, un dos mellores ciclistas da nosa comunidade neste século. 

Gustavo César Veloso compartiu as súas experiencias coas promesas do pelotón autonómico que soñan con acadar triunfos como os que locen no palmarés do excorredor de Bamio. Gañador de dúas edicións da Volta a Portugal e dunha etapa da Vuelta a España durante os seus 21 anos como profesional, o arousán cumpre a súa segunda campaña como director deportivo do conxunto portugués Tavfer - Ovos Matinados - Mortágua. As súas reflexións escoitáronas con atención os cadetes, que non dubidaron en facerlle todo tipo de preguntas. 

Este coloquio formou parte dunha sesión de tarde que deu para moito e na que Pablo Alfaya, de Bicimecánica Porto, ofreceu unha clase práctica sobre mantemento e reparación da bicicleta. Tamén se achegaron ata esta convivencia o alcalde de Ribadumia, David Castro; o concelleiro de Deportes, Juan Carlos Esperón; e o presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz. 

O intenso programa desta Xornada FCG, que incluíu un xantar, arrancara pola mañá cun adestramento polas estradas do Salnés. O pelotón cadete acumulou case 80 quilómetros nas súas pernas e aproveitou para realizar parte do percorrido da Ruta do Albariño, cita da Copa Galicia do Porvir que se disputará o 17 de xuño. 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Gustavo César Veloso, convidado de excepción á Xornada de Formación FCG para cadetes en Ribadumia
Gustavo César Veloso, convidado de excepción á Xornada de Formación FCG para cadetes en Ribadumia
Gustavo César Veloso, convidado de excepción á Xornada de Formación FCG para cadetes en Ribadumia
Gustavo César Veloso, convidado de excepción á Xornada de Formación FCG para cadetes en Ribadumia
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es