Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Os juniors ampliaron os seus coñecementos sobre biomecánica na Tecnificación FCG de Cambre

09 DE ABRIL DE 2024

Dezaseis xuvenís de Estrada compartiron unha xornada de adestramento e formación que contou coa presenza como convidado do exprofesional Daniel López Parada

Os-juniors-ampliaron-os-seus-conecementos-sobre-biomecanica-na-Tecnificacion-FCG-de-Cambre

En menos de dous meses a Federación Ciclismo Galego (FCG) organiza oito Xornadas de Tecnificación e o inicio deste carrusel de convivencias tivo como protagonistas o pasado domingo aos ciclistas juniors de Estrada. Dezaseis xuvenís rodaron xuntos, recibiron formación sobre biomecánica e escoitaron os consellos dun exprofesional na xuntanza dirixida polo seleccionador autonómico Jacobo Ucha. Grazas ao apoio do Concello e do club máis histórico deste municipio, a activididade celebrouse nunha vila tan vinculada ao deporte da bicicleta como é Cambre

Pola contorna desta localidade coruñesa pedalearon os corredores na sesión matinal. Dúas semanas despois de medirse na Challenge Volta O Barbanza 'A Orixe' os juniors citados pola FCG compartiron 'grupeta', un adestramento que ten entre os seus obxectivos o de valorar o estado de forma dos ciclistas a estas alturas da temporada. Despois de completar o itinerario previsto, sentáronse xuntos á mesa para recuperar forzas e, ao mesmo tempo, seguir en directo a retransmisión televisiva da París-Roubaix. 

imagen

Pola tarde chegou o momento dos expertos. A primeira charla ofreceuna Augusto Mosquera, de Biomecánica San Lázaro, analizando a importancia dunha posición adecuada sobre a bicicleta. A continuación, tomou a palabra Daniel López Parada, voz autorizada por partida dobre en calidade de director deportivo do Club Ciclista Cambre e de ex ciclista profesional

O calendario 2024 das Xornadas de Tecnificación FCG arrancou en xaneiro coa dedicada aos Elite e Sub-23 de Estrada e a vindeira fin de semana entrará en escena o BTT coa convivencia de Enduro. Consulta nesta ligazón a axenda de iniciativas formativas para este ano

 

GALERÍA DE FOTOS

Os juniors ampliaron os seus coñecementos sobre biomecánica na Tecnificación FCG de Cambre
Os juniors ampliaron os seus coñecementos sobre biomecánica na Tecnificación FCG de Cambre
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es