Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia de Gravel inaugurou o seu palmarés en Carballo

06 DE OCTUBRE DE 2025

O elite Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) e a máster-40 Marina González (Illas Cíes) fixéronse coas vitorias absolutas

O-Campionato-de-Galicia-de-Gravel-inaugurou-o-seu-palmares-en-Carballo

Galicia conta dende este domingo cun novo Campionato de ciclismo. A emerxente modalidade do Gravel sumouse á nómina de citas nas que se compite polas coroas da Federación Ciclismo Galego. O palmarés desta nova gran proba do calendario autonómico estreouse outorgando dez títulos na localidade coruñesa de Carballo.

O Club Ciclista Monteneme apostou por sacar adiante o primeiro Campionato de Galicia de Gravel incluíndoo no programa da Marcha Costa da Morte, un triplo evento que reuniu a tres centenares de ciclistas na Praza do Fórum,. Compartindo cartel coa última xornada da Copa Galicia de Cross Country Maratón e coa marcha cicloturista de BTT, a segunda edición do Gravel Costa da Morte ofreceu os elementos máis característicos desta especialidade cun fermoso itinerario por corredoiras, camiños e pistas. A proposta obtivo unha importante acollida e a inscrición pechouse con 128 participantes.

O vixente campión de Galicia elite de fondo en estrada, o noiés Ángel Maneiro, foi o primeiro corredor que completou o percorrido de 54 quilómetros, no que se acumulaban 969 metros de desnivel positivo. O representante do Supermercados Froiz cruzou a liña de meta cun tempo de 1 hora 57 minutos e 37 segundos, batendo por 9” ao gañador máster-40 Alejandro Mesías (CiclosQuintena). A terceira praza absoluta asinouna o elite Juan Vidal (Lasal Cocinas – Grupo ODL – Craega), a máis de 2’ do primeiro clasificado, cuarto finalizou o máster-40 Diego Álvarez (Aerodynamics) e o top-5 pechouno o elite Javier Busto (Extol-Zambora.es).

As pugnas polos outros títulos masculinos tamén chegaron decididas ao treito final da carreira. Saúl Alcalde (Cambre-SiBuscasCoche) subiu ao máis do podio en Júnior; Antonio Casal (Cambre), en Sub-23; Samuel Baña (Xesteiras), en Máster-30; Roberto Fontán (Norinver), en Máster-50; e Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport), en Máster-60.

Tres coroas femininas

A actual campioa autonómica máster-40 de ciclocrós marcou a pauta entre as mulleres. Marina González (Illas Cíes) logrou con autoridade o triunfo absoluto feminino. A verinesa afincada en Vigo, logo de 2 horas 33 minutos e 37 segundos de esforzo, avantaxou en case 3’ á vencedora elite Iria Nieto (Team Oiense Women) e en algo máis de 10’ á máster-40 Natalia Raña (Cycling Cabañas). A júnior Noa Rodríguez (Creto Bikes) concluíu cuarta, anotándose o título da súa categoría, e a elite Mónica Alarcón (Máster da Louriña) ocupou a quinta posición.

Os premios encargáronse de entregalos Juan Manuel Seoane Collazo, concelleiro delegado de Planificación Urbana, Policía e Mobilidade xunto ao presidente do Club Ciclista Monteneme, Víctor Gende, e o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz. O primeiro Campionato de Galicia de Gravel baixou o pano coa sensación de que este evento chegou ao calendario para quedarse.  

 

PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA

ELITE F

1. Iria Nieto (Team Oiense Women)

2. Mónica Alarcón (Máster da Louriña)

 

ELITE M 

1. Ángel Maneiro (Supermercados Froiz)

2. Juan Vidal (Lasal Cocinas – Grupo ODL – Craega)

3. Javier Busto (Extol-Zambora.es)

 

SUB-23

1. Antonio Casal (Cambre)

2. Adrián Caamaño (Extol-Zambora.es)

3. Fabián Rodríguez (Cambre)

 

JÚNIOR F

1. Noa Rodríguez (Creto Bikes)

 

JÚNIOR M

1. Saúl Alcalde (Cambre-SiBuscasCoche)

2. Martín López (Academia-Postal Maceda)

3. Carlos Candal (Cambre-SiBuscasCoche)

 

MÁSTER-30 M

1. Samuel Baña (Xesteiras)

2. Lázaro López (Aerodynamics)

3. Ismael González (Lasal Cocinas-Craega) 

 

MÁSTER-40 F

1. Marina González (Illas Cíes)

2. Natalia Raña (Cycling Cabañas)

 

MÁSTER-40 M

1. Alejandro Mesías (CiclosQuintena)

2. Diego Álvarez (Aerodynamics)

3. José Manuel Regueira (Chantadino)

 

MÁSTER-50 M

1. Roberto Fontán (Norinver)

2. José Manuel Gómez (Xesteira)

3. Francisco Javier Iglesias (Aerodynamics)

 

MÁSTER-60 M

1.  Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport)

2. Darío Buceta (Farto)

3. Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas)

 

Clasificacións

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es